quarta-feira, 5 de agosto de 2020

Vinte e catro mulleres poetas constrúen sobre imaxes de arquivo a "memoria do futuro"

Unha mostra baseada en fotografías do fondo de Xosé Vidal que dialogan con versos contemporáneos
Imaxe do Arquivo Xosé Vidal
Imaxe do Arquivo Xosé Vidal

A Agrupación Cultural Alexandre Boveda, en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Laxe, inaugurou onte no Parrote (A Coruña) a exposición Nós somos elas, unha mostra ao ar libre que permanecerá neste espazo privilexiado até o 30 de agosto. Así, as viandantes poderán topar con paneis de imaxes contextualizadas polas verbas de diferentes poetas galegas.

A memoria do futuro

Nós somos Elas pretende ser "a memoria do futuro", afirma a asociación. Porque se as fotografías de Xosé Vidal son a memoria do pasado, a poesía é a do devir, "o plano para ollar, para volver a remirar". A mostra nace tamén contra a desmemoria e o silenciamento do labor das mulleres no mundo rural e mariñeiro, cunha vontade de recuperación dos lugares que ocuparon.

Argallada desde o eloxio desas realidades cotiás, a exposición dá visibilidade a certo vínculo emocional entre esa fotografía de mulleres e a palabra poética, unha verba que abre as portas a entender mellor o representado, mais que tamén respecta o misterio, a beleza, o deleite espido. Unha escolma "para prestar vida a través da palabra, para descubrir sutilezas, praceres, significados, historias fracturadas…", afirman desde Alexandre Bóveda. E, ao tempo, "unha mensaxe de esperanza, a certeza de que o futuro será mellor".



[Fonte: www.nosdiario.gal]






Sem comentários:

Enviar um comentário