sexta-feira, 8 de novembro de 2019

A biblia xudía da Coruña regresa a Galicia 500 anos despois





Por Marcos Pérez Pena

En 1476 escribiuse na Coruña unha fermosa biblia hebrea, a Biblia Kennicott, considerada un dos manuscritos iluminados máis exquisitos que se coñecen nesta lingua. Foi redactada polo calígrafo Moisés Ibn Zabarah e iluminado por Joseph Ibn Hayyim e sobre ela Carlos Barros escribiu que se trata do manuscrito relixioso máis importante da Idade Media galega. Recibe o seu nome por Benjamin Kennicott, un cóengo de Oxford, que mercou o manuscrito.

Biblia Kennicott vén de regresar a Galicia temporalmente, para formar parte parte da exposición Galicia, un relato no mundo, que se inaugurará na Cidade da Cultura o vindeiro 14 de novembro. A mostra, comisariada por Manuel Gago, é o primeiro grande evento ligado ao Xacobeo 2021 e contará con pezas sublimes que forman parte da historia de Galicia e que en moitos casos nunca antes puideran ser vistas no país
Así, no Gaiás estará exposto o Libro das Invasións –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán-, o Cancioneiro da Vaticana –peza imprescindible da lírica galaico-portuguesa– ou o Mapa de Sawley -considerado un dos primeiros mapas-mundi enciclopédicos europeos que representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante do continente-. Poderemos ver tamén Santa de Asorey, a bandeira sinxela do Tercio de Galegos de Bos Aires ou dous Códices Calixtinos. Hai uns días, o propio xornal The Guardian dedicou unha reportaxe a este manuscrito e ao seu regreso a Galicia.

Edición facsímil da 'Biblia Kennicott' CC-BY-SA BUSC
Que é o que fai tan especial á Biblia Kennicott? Trátase dun magnífico expoñente da confluencia artística na España do século XV das tradicións artísticas musulmás, hebreas e cristiás. A obra distínguese pola destacada compenetración entre o calígrafo e o iluminador e componse de 922 páxinas de 300 por 235 milímetros, das cales 238 están ilustradas con cores vivas e lámina de prata, con imaxes ricas tanto en detalles como en simbolismo. Un aspecto destacable atópase tamén no seu colofón, onde se achegaba información sobre o escriba e ás veces sobre o vocalizador, pero que en raras ocasións facían mención ao artista iluminador. Esta Biblia constitúe unha das poucas excepcións, xa que unha páxina completa está dedicada ao artista.
En 1476 Isaac, un prateiro xudeu da Coruña fillo de Salomón de Braga, encargou unha biblia iluminada ao escriba Moisés Ibn Zabarah, quen viviu na cidade herculina xunto coa súa familia por conta do seu patrón durante os dez meses que se prolongou o seu traballo escribindo dous folios diarios.
A Biblia foi realizada apenas uns anos antes da expulsión dos xudeus dos reinos de Castelá e Aragón (1492), a través do Decreto da Alhambra, que os obrigaba converterse ao cristianismo ou a abandonar o territorio. Sábese que Isaac de Braga abandonou a cidade da Coruña en 1493 por mar, coa axuda de armadores e oficiais reais. Viaxa ao norte de África e finalmente a Xibraltar, onde a Biblia foi adquirida por un comerciante escocés. 

A seguinte nova que se ten sobre o manuscrito chega xa en 1770, cando o coengo Benjamin Kennicott suxire aos responsables da Biblioteca Radcliffe de Oxford que adquiran a obra. Alí permanece cen anos, ata que en 1872 foi transferida á Biblioteca Bodleian de Oxford. Non foi ata os anos 20 do século pasado que o manuscrito comezou a recibir a atención de investigadores e expertos. 
A Real Academia Galga de de Belas Artes conta cun exemplar facsímile, o mesmo que a USC en Compostela. Nos últimos anos a comunidade xudía en Galicia vén realizando apelacións a que a Xunta traballe polo regreso definitivo desta obra á Coruña como "un acto de xustiza moral e histórica".

Os xudeus en Galicia
Biblia Kennicott fálanos tamén da importancia que tivo a comunidade xudía en toda Galicia (e en concreto na cidade da Coruña) ata a súa expulsión en 1492. O primeiro documento da presenza hebrea na cidade data de 1375 e hai numerosas referencias a unha poboación numerosa e próspera, cun papel destacado no comercio con Castela e importantes recursos económicos. Unha parte chegara a Galicia fuxindo das persecucións que xa estaban a sufrir en Castela.
Ademais da prosperidade económica, a comunidade xudía herculina tiña unha relevante actividade cultural, destacando a existencia dunha escola de iluminadores hebreos, unha das máis importantes do continente.
Non se coñece con exactitude a localización da xudaría da cidade da Coruña: a tradición defende que o barrio xudeu coruñés estaría localizado dentro das murallas da cidade, na actual rúa da Sinagoga; outra posible localización é a zona coñecida como A Rabiada, no antigo barrio de Santa Lucía. Foron atopadas varias lápidas sepulcrais hebreas na zona da Palloza, na coñecida como Illa dos Xudeus (no que hoxe é o peirao de San Diego), o que confirmaría a existencia dun cemiterio para esta confesión.

Detalle da 'Biblia Kennicott' CC-BY-SA BUSC

Detalle da 'Biblia Kennicott' CC-BY-SA BUSC


Detalle da 'Biblia Kennicott' CC-BY-SA BUSC



[Fonte: www.praza.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário