domingo, 2 de junho de 2019

Os teus ollos pretos perto dos meus

Por L. C. Carballal

En realidade os ollos que cualificamos como “negros” non existen, agás nos casos de aneridia ou ausencia de iris, vistos de preto e con luz intensa vese que teñen unha cor castaña moi escura, e son maioritarios nas razas de orixe africana e asiática, e frecuentes entre os europeos. Con todo, o obxecto deste texto non é falarlles das cores dos iris humanos, senón de dúas palabras que empreguei no título. 

Ao escribir esta frase cometín dous erros para o galego estándar, usar a variante “perto” do adverbio “preto” e mais o adxectivo “preto” como sinónimo de “negro”. En ambos os casos por seren adoito considerados lusismos, erroneamente como pretendo demostrar. Así o Dicionario Galaxia de Usos e Dificultades da Lingua Galega (2004) declara “perto” como “variante estándar portuguesa –o cal é certo– de certo uso na lingua sobre todo en rexistros formais –que tamén é certo–. A Academia rexeita o lusismo –aquí disinto– e favorece a forma autóctona preto, que é xeral no dominio galego e máis próxima ao étimo latino –e nisto concordo– […]”. Este dicionario de dúbidas non recolle o adxectivo “preto”.
Certamente o dicionario normativo da RAG soamente recolle a primeira palabra como adxectivo sinónimo de “apertado, tupido”, e como adverbio sinónimo de “cerca”. Mais consultando o “Dicionario de dicionarios” do ILG podemos comprobar como antano varios dicionarios e vocabularios recollían tamén a variante “perto” como adverbio (Diccionario Gallego de Juan Cuveiro Piñol, 1876; Vocabulario popular castelán-galego, El Pueblo Gallego, 1926; Diccionario galego-castelán de L. Carré Alvarellos, 1926-31; Diccionario galego da rima e galego-castelán de J. Ibáñez Fernández, 1950; Diccionario galego-castelán de X.L. Franco Grande, 1972; e o Glosario de voces galegas de hoxe, USC, 1985), e “preto”, ademais de adverbio, como adxectivo sinónimo de “negro” (Colección de voces y frases de la lengua gallega de Martín Sarmiento (1746-70); Diccionario del dialecto gallego de L. Aguirre del Río, 1858; Diccionario Gallego de Juan Cuveiro Piñol, 1876; Diccionario gallego-castellano de Marcial Valladares Núñez, 1884; Diccionario galego-castelán de L. Carré Alvarellos, 1926-31; Diccionario galego da rima e galego-castelán de J. Ibáñez Fernández, 1950; Diccionario enclopédico de gallego-castellano de E. Rodríguez González, 1958-61; e Frampas, contribución al diccionario gallego de E. Rivas Quintas, 1978). E actualmente o Gran Dicionario Xerais da Lingua (2009) recolle “perto” como variante non estándar de “preto”, pero non o adxectivo “preto” como sinónimo de “negro”.
Se consultamos o Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG), que recolle o uso das palabras galegas dende o s.XVII ata 2013, comprobamos que a variante “perto” é bastante usada, aínda que sempre menos ca “preto”, sobre todo dende 1951 ata hoxe: “Perto andaban xa os lumes do campamento” (F. Bouza Brey – Cabalgadas en Salnés, 1925); “mais cando chegamos perto ó teu altar” (G. Álvarez Limeses – Antre dous séculos, 1934); “que a xusticia de lonxe era mellor que a de perto” (A. D. Rodríguez Castelao – Sempre en Galiza, 1944); “mais vivir viven perto dos pozos abisais do sapropel” (Xavier Rodríguez Baixeras – Anos de viaxe, 1987); “Polos vieiros, de lonxe e de perto” (R. Carballo Calero – A xente da Barreira, 1951); “E o balbordo fumoso cada vez máis perto” (X. Neira Vilas – Historias de emigrantes, 1968); “e o parvo anda moi perto de somellar malpocado” (E. Blanco Amor – Teatro pra a xente, 1974); “estraviado, máis perto deles ca nunca” (V. Fernández Freixanes – O triángulo inscrito na circunferencia, 1982); “dormitaba feliz perto da cheminea” (M. Forcadela – Paisaxe con muller e barco, 1990); “e a bata azul repousando perto da estufa” (X. C. Caneiro – Un xogo de apócrifos, 1997); “A lúa estaba moito máis perto aquela noite” (Afonso Eiré – Eu tamén fun coas vacas, 2000); “perto dos degraus asfaltados do cruceiro” (R. Caride Ogando – O sangue dos camiños, 2003); “Fondeamos perto desta desapracíbel illa” (Xavier Paz – Follas de bacallau, 2005); “o seu cuarto alugado, na Gaiteira, estaba perto da antiga estación do tren”, “a súa casa estaba moito máis perto” (M. Rivas – Os libros arden mal, 2006) etc.
E que “preto” como adxectivo sinónimo de negro aparece ben empregada por moitos e recoñecidos escritores, aínda que obviamente nunca tanto coma o seu sinónimo: “¿que os teus ollos pretos naquel pandeiriño que quedaron de drento?”, “Non vin tantos frades montados arreo, […]; uns iban de branco e outros de preto, outros eran pardos…”, “sobre do pescozo, do faquiño preto” (Frei Matín Sarmiento – Coloquio de 24 gallegos rústicos, 1746); “Tes cara de pan preto, […], fuciño de galga preta” (J. A. Saco y Arce – Literatura popular de Galicia, 1881); “debes té-la ialma preta, cal os olliños da cara” (E. Carré Aldao – Rayolas, 1898); “ó fitare na parte d’adrento unha preta e unha mulata” (Ricardo Carballal – De min pra vós. Contos do pobo, 1928); “A estrada, preta e lisa, estaba deitada…” (X. L. Méndez Ferrín – Percival e outras historias, 1958); “e foi morrer ao pé da Raíña Preta!”, “tres figuras na lomba […]. As tres moi pretas sobre un ceo moi roxo de serán” (Rafael Dieste – Dos arquivos do trasno, 1962); “Ten cornas siamesas de lúa en xirante, ista vaca preta, marroa e xigante”, “xogarás con rizos loiros, xogarás con rizos pretos” (G. Mariñas del Valle – A resolta e outras farsas, 1965); “Era fillo de ganza dun emigrado e dunha preta” (X. Filgueira Valverde – Adral, 1979); “Parda se é parda. Marela se o é, ou preta. Cincenta…”, “Detesto as fibelas pretas que penduran…” (M. Ledo Andión – Trasalba ou Violeta e o militar morto, 1985); “leóns de cabeleira preta naquelas cavernas”, “uns meniños pillan a gavota de mea cabeza preta cunha brinca cebada de miñoca” (X. L. Méndez Ferrín – Bretaña, Esmeraldina, 1987); “afundín os ollos e a vida naquela cabeleira preta e ourente”, un voitre preto e grande que andaba polo chan” (Antón Castro – Vida e morte da baleas, 1997); “que vén vestida enteiramente de cor preta” (Víctor Vaqueiro – Os xenerais de África, 1999); “os cascos do faco preto galiciano” (Anxo Angueira – Pensa nao, 1999); “e seguiuno un xove de raza preta” (Bieito Iglesias – O mellor francés de Barcelona, 1999); “polas faces tenras dos meniños, pretos ou louros tanto ten” (R. Caride Ogando – O sangue dos camiños, 2003) etc.
Loxicamente, o amplo uso destas palabras no galego moderno non anula a teoría de que se traten de lusismos adoptados polos nosos escritores. Para isto hai que recorrer a outras probas, que me semellan irrefutábeis. Así se as procuramos no Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega (TMILG) comprobamos que se ben a forma “perto” se rexistra soamente en 4 ocasións contra as 75 de “preto” (encima dũa hermida, preto da salgada agua do mar; E Xerez, preto d’Aguadalquivir; e hũas choças que son preto do nosso camyo – Cantigas de Sta. María, 1264-84 etc.), é evidente que, aínda que minoritaría, resulta nidiamente utilizada: “um tal ome sei que perto sente de si [a] morte” (Lírica Profana, 1240-1300); “sayrõ depos el, et forõ a perto del” (Miragres de Santiago, 1390-1420); “et entesta enno camino perto que vay de Tuy pra Salvaterra” (1447). E que nos 107 rexistros de “preto”, forma maioritaria do adverbio, recollemos 26 apelidos, cuxo significado non pode ser máis ca o de “negro” segundo veremos máis adiante, e 6 adxectivos co mesmo siginificado: “que saysse todo de hũa color, todo blanco ou preto que fosse de Labam” (Xeral Historia, 1300-50); “amarelo, outra vez yndeo, outra vez preto, outra vez color do çeo” (Historia Troiana, 1350-75); “cabelo crespo e preto, et era tã brãco ĕno corpo” (Crónica Troiana, 1370-73); “venda e remataçón de un manto preto con dez e noue botós” (testamento, 1431); “frayras del velo preto do dito mosteyro (foro, 1502); “a miña saya de orillado preto (protocolo, 1519). Aos que temos de engadir os rexistros das forma plural –9 rexistros–: “et degolou os dous carneyros pretos”, “et os ollos aviã grãdes et pretos” (Historia Troiana, 1350-99); e femininas –6 rexistros–: “desta moeda preta que non es enblanqueada (carta, 1274), “trage hua pedrelina preta que trage figura d angeo engastoada” (testameto, 1348), “et todolos caualeyros cõ capas pretas” (Crónica Xeral e Crónica de Castela, 1295-1312), “todas blancas et as outras todas pretas que as desse a gardar a el” (Xeral Historia, 1300-30), “en baraças de linno pretas” (confirmación, 1376). Lusismos no galego medieval?
Mais tanto “perto” coma o adxectivo “preto” non son reliquias, pois hai claros testemuños do seu uso ata, ao menos, finais do s. XX. Así o Atlas Lingüístico Galego vol. V, mapa 100 (ILG, 2005) recolle o adxectivo “preto” para o concepto “moreno” en Lubián (Zamora). O Tesouro do Léxico Patrimonial Galego e Portugués (ILG-USC) tamén recolle o adxectivo como sinónimo de “negro” e mais de “suxo” en Ponteareas (PO). E o escritor e ex-académico X. L. Méndez Ferrín di no seu “Consultorio dos Nomes e dos Apelidos Galegos” (Xerais, 2007) acerca do apelido “Preto”, castelanizado en Prieto, que significa “negro”, que xurdiu para denominar a persoas de pel moi escura e que na súa infancia se usaba este adxectivo para alcumar un abade, polo que na altura a palabra tiña de estar ben viva.
Ademais, o adxectivo “preto” como sinónimo de “negro ou escuro”, amais de en portugués, está presente na lingua asturiana, prietu, con este único significado (Diccionariu asturianu-castellanu de X.X. Sánchez Vicente, ed. Trabe, 2008); e na lingua castelá, prieto, tamén serve para se referir á cor escura ou negra nas acepcións 4º a 7º (dicionario da RAE). É difícil entender que este adxectivo non teña a acepción de “negro” ou “escuro” na nosa lingua e si en todas as demais linguas próximas.
En conclusión, o máis habitual, xa dende a Idade Media, é dicir: “os teus ollos negros preto dos meus”, mais facelo como o podería dicir un portugués non é lusismo ningún, porque son palabras tan nosas coma deles. E así mesmo coma en portugués, o adverbio “preto/perto” pronúnciase con E aberto, mentres que o adxectivo “preto” con E pechado, tal como di Méndez Ferrín no seu artigo sobre o apelido “Preto”.
Canto á omisión destas palabras no dicionario da RAG descoñezo os motivos, se os hai, visto que xa inclúe un bo número de variantes que están na mesma situación ca o adverbio “preto/perto”: aire/ar, aprender/deprender, auga/agua, baixada/baixeira, chuvia/choiva, coidar/cuidar, dicir/decer, eixe/eixo, gustar/gostar, maior/mor, malo/mao, merlo/melro, moito/muito, néboa/nebra, nordés/nordeste, oír/ouvir, orela/ourela, para/pra, pero/pro, poñer/pór, rocha/roca, sufrir/sofrer, ti/tu, tombar/tumbar, xeonllo/xollo etc.; e que o adxectivo “preto” co significado de “negro” está perfeitamente demostrado no galego histórico, literario e oral.

[Fonte: www.praza.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário