O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".
Comida de Nadal |
Por Xosé Antonio Pena
Hai veces en que damos con voces ou expresións que para moita xente se atopan nunha especie de, por así dicilo, indefinición normativa, no sentido de que é posible que non dispoña, respecto delas, de elementos de xuízo abondos coma para poder sequera intuír se as instancias normativas as poderían considerar como parte do elenco normativo ou non (por suposto, estamos a partir da base –indiscutible, entendemos– de que a ausencia dunha voz ou expresión nas obras lexicográficas normativas non implica en por si que a dita voz ou secuencia sexa incorrecta).
Se cadra a locución con creces forma parte dese elenco, inda que, cos datos que manexamos (sen dúbida moito máis limitados ca aqueles dos que poden dispor as instancias normativas), en principio coidamos que o máis probable é que se trate dunha secuencia non propia. Nesta liña, no Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega do ano 2004 (dicionario que, achegando como achega –¡madía leva!– bastantes cousas positivas, entendemos que presenta un nivel bastante xusto para o que debía ser un traballo deste tipo elaborado pola RAG) dísenos que a esa locución lle correspondería en galego “de sobra, abondo”...; non obstante, tal e como acabamos de comentar, tampouco é que consideremos que ese dicionario sexa, precisamente, a obra cume e de máxima referencia elaborada pola RAG (de feito, e para mostra un botón, en ningún dos exemplos que aparecen no presente artigo a locución “con creces” sería trocable por “abondo”).
Mais, como xa temos dito, a finalidade desta sección non é indicar que secuencias son ou deixan de ser normativamente correctas (sen prexuízo de que en certos casos poidamos dar a nosa opinión ó respecto), na medida en que nin dispomos desa potestade nin temos tampouco competencia ou coñecementos suficientes coma para nos metermos a ese labor. Non obstante, si que podemos fornecer expresións de noso que ocupan os mesmos espazos de uso ca con creces. Velaquí algunhas delas:
Con creces
{= De xeito sobrado.}
(Ben) Ás cheas
Ex.: Pierde cuidado con ella, que si le haces un favor te lo devuelve con creces.
Non teñas medo con ela, que se che fai un favor devólvecho (ben) ás cheas.
Ex.: Es, con creces, el mejor proyecto de todos.
É, (ben) ás cheas, o mellor proxecto de todos.
Ex.: Este año las exportaciones van a superar con creces las del año pasado.
Este ano as exportacións van superar (ben) ás cheas as do ano pasado.
Ex.: Se ha cumplido el objetivo con creces.
Cumpriuse o obxectivo (ben) ás cheas.
Ex.: El cerdo que matamos pesa, con creces, ciento veinte kilos.
O cocho que matamos pesa, (ben) ás cheas, cento vinte quilos.
● Tamén, sobre todo en contextos en que a locución “a gusto” non dea vez a problemas de anfiboloxía ou ambigüidade por poder cadrar tamén neses mesmos contextos o significado máis recto da dita locución:
Ben a gusto && [E PROBABLEMENTE MENOS USADO PORCENTUALMENTE]: A gusto
Ex.: É, ben a gusto, o mellor proxecto de todos.
Ex.: Este ano as exportacións van superar, ben a gusto, as do ano pasado.
● Tamén, en moitos contextos, e máis ou menos axeitadas en función de cada un deles:
De sobra
De sobra
[E mesmo]:
De largo && De lejos && Con mucho
De lonxe && Con moito && Con fartura
Ex.: É, de lonxe ‡ con moito ‡ con fartura, o mellor proxecto de todos.
Ex.: Este ano as exportacións van superar de sobra ‡ de lonxe ‡ con moito ‡ con fartura as do ano pasado.
Ex.: O cocho que matamos pesa, de sobra ‡ de lonxe ‡ con moito ‡ con fartura, cento vinte quilos.
● Tamén, en contextos nos que normalmente leva implícita a idea ou significación de “de xeito claro e evidente”:
A la legua
Á(s) legua(s)
Ex.: É, á(s) legua(s), o mellor proxecto de todos.
Ex.: Este ano as exportacións van superar á(s) legua(s) as do ano pasado.
Ex.: Cumpriuse o obxectivo á(s) legua(s).
Ex.: O cocho que matamos pesa, á(s) legua(s), cento vinte quilos.
● Tamén, en bastantes contextos, sempre entre pausas, e probablemente asociadas a ámbitos de comunicación basicamente non formais:
E mais ben && [E PROBABLEMENTE MENOS USADO PORCENTUALMENTE]: E ben && [E TAMÉN, NON NECESARIAMENTE ENTRE PAUSAS]: De cuarta e media
Ex.: —¿Dices que ese es el mejor jugador del equipo? —¡Si, hombre, y con creces!
—¿Dis ti que ese é o mellor xogador do equipo? —¡Si, home, e ben ás cheas ‡ e mais ben ‡ e de cuarta e media!
Ex.: La inflación ha superado, con creces, todas las previsiones.
A inflación superou, ben ás cheas ‡ e mais ben ‡ de cuarta e media, todas as previsións.
Ex.: Non teñas medo con ela, que se che fai un favor devólvecho, e mais ben ‡ e de cuarta e media.
Ex.: É, e mais ben ‡ de cuarta e media, o mellor proxecto de todos.
Ex.: Este ano as exportacións van superar, e mais ben ‡ de cuarta e media, as do ano pasado.
Ex.: Cumpriuse o obxectivo, e mais ben. & Cumpriuse o obxectivo de cuarta e media. & Cumpriuse, de cuarta e media, o obxectivo.
Ex.: O cocho que matamos pesa, e (mais) ben ‡ de cuarta e media, cento vinte quilos.
● E inda tamén, igualmente en contextos:
Ben + repetición do verbo anterior a xeito de participio adxectivado (isto é, concordando en xénero e número co nome de que se trate)
Ex.: A inflación superou, ben superadas, todas as previsións.
Ex.: Con el non teñas medo, que se che fai un favor devólvecho ben devolto.
Ex.: Cumpriuse, ben cumprido, o obxectivo.
Ex.: O cocho que matamos pesa, ben pesados, cento vinte quilos.
● E mesmo, nalgún ca outro contexto en que se fai referencia a algún tipo de medida ou magnitude, basicamente asociadas a ámbitos comunicativos non formais e concordando en xénero e número co substantivo a que se aplica a dita medida ou magnitude:
(Ben) Cheo && (Ben) Papudo
Ex.: O cocho que matamos pesa cento vinte quilos (ben) cheos ‡ papudos.
Ex.: El nuevo vecino tiene, con creces, cincuenta años.
O novo veciño ten, ben ás cheas ‡ (ben) cheos ‡ papudos, cincuenta anos.
NOTAS:
1. Nótese que, en función de cada contexto concreto, en bastantes ocasións tamén se podería botar man de opcións do tipo de sobradamente, amplamente, claramente, ás claras, con diferenza, etc.
2. Polo que atinxe ós casos en facemos referencia a cantidades ou magnitudes, podemos arrequentar as expresións do presente artigo coas seguintes:
Largo/a de talle
{= Que excede ou supera ben a cantidade ou magnitude de que se está a falar.}
(Ben) Ás cheas
De cuarta e media
Ex.: El cerdo que matamos pesa ciento veinte kilos largos de talle.
O cocho que matamos pesa cento vinte quilos ben ás cheas ‡ de cuarta e media.
● Tamén, en certos contextos:
De calle && Con la gorra
Coa pata && Coma nada
Ex.: El cerdo que matamos pesa ciento veinte kilos de calle ‡ con la gorra.
O cocho que matamos pesa cento vinte quilos coa pata ‡ coma nada.
E, así mesmo, gardando certa relación con estes contextos en que se fai referencia a algún tipo de medida ou magnitude, e dando a entender algo así como “ou máis; como mínimo”, tamén existe a expresión (igualmente asociada sobre todo a contextos de comunicación non formais) ou ou..., precedida moitas veces dunha pequena pausa ou dunha inflexión descendente na entoación. Exs.:
Ex.: O cocho que matamos pesa cento vinte quilos ou ou... [=como mínimo; ou máis].
Ex.: O novo veciño ten cincuenta anos ou ou... [=como mínimo; ou máis].
3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Cuns Lousa, Xulio: “Rabusco”. En Anuario Brigantino, 12, 1989, páxs. 259-287.
- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.
[Imaxe:
lanavidaddelmundo.com
- fonte: www.galiciaconfidencial.com]
Sem comentários:
Enviar um comentário