quinta-feira, 12 de julho de 2018

Un avogado coruñés négase a traducir ao castelán os escritos dun concurso de acredores


A empresa solicitante da tradución ao castelán é ADECCO, unha mercantil implantada en Galicia, e que segundo o avogado Pérez Lema non debería ter maior problema en comprender o idioma galego.
Xulgados de Santiago, En Fontiñas
 
O avogado coruñés Xoán Antón Pérez-Lema vén de rexeitar as pretensións da empresa ADECCO OUTSOURCING SAU de traducir todos os escritos ao castelán alegando que, de aceptar este requerimento, “estaríase baleirando a cooficialidade lingüística e os dereitos lingüísticos de avogados, procuradores, partes, testemuñas e peritos”. Este trátase dun procedemento concursal no que o avogado coruñés defende á empresa concursada, sendo  ADECCO OUTSOURCING unha das acredoras. 
Así, o avogado Pérez-Lema presentou un escrito con catro alegacións nas fai referencia ao artigo 5.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia, no que se recolle o dereito dos galegos e galegas a coñecer e usar o idioma galego "en todos os ámbitos da vida, incluída a Administración de Xustiza, como é o caso".
Ademais, na terceira alegación destácase o feito de que a empresa solicitante da tradución ao castelán é unha mercantil implantada en Galicia, con representación procesual da Coruña e que non debería ter maior problema en comprender o idioma galego: "a empresa conta con total capacidade para seleccionar a persoal con coñecemento da lingua galega".
"É máis, a demanda incidental da que solicita tradución a contraparte é un escrito pouco complexo baseado en expresións fácticas sinxelas. O resto de escritos deste concurso son de mero trámite e de doada comprensión", prosegue o escrito presentado ao Xulgado Mercantil nº 2 de A Coruña. 
En definitiva, o documento asinado polo avogado coruñés conclúe que, dado que o galego é a lingua propia de Galicia e un dos idiomas oficiais no estado español, négase "en rotundo" a presentar traducidos ao castelán os escritos deste concurso. 

[Fonte: www.galiciaconfidencial.com]



Sem comentários:

Enviar um comentário