segunda-feira, 15 de janeiro de 2018

Carlos Barros, profesor de Historia Medieval e Moderna da USC: "Vivimos un reencontro co xudeu''

1\¿Cales son os núcleos de tradición xudía en Galicia? 
Ribadavia, Allariz, Ourense, Monforte, A Coruña, Tui, Pontevedra... 

2\¿Que queda da cultura hebrea? 
Ben pouco, a Inquisición perseguiu con saña nos séculos XVII-XVIII ós xudeus galegos. O termo 'xudeu' pasou a ser un alcume. Houbo intentos nos séculos XIX e XX de recuperarmos as nosas raíces xudías. Desde hai unha década estamos a vivir un reencontro histórico co noso esquecido pasado xudeu, a partir da experiencia de Ribadavia, que paseniñamente se está a estender por outras vilas con presencia xudía ou xudaizante nas épocas medieval e moderna. 

3\¿Hai tradición vinícola judía en Galicia? 
Cara ó ano 950 están documentados xudeus viticultores que traballaban para o mosteiro de Celanova na parte hoxe portuguesa da Galicia alto medieval. 

4\¿Que papel xoga o viño nos ritos xudaicos? 
O xudaísmo celebra con 4 copas de viño, e oracións, as catro etapas da liberación da escravitude exipcia, nun banquete chamado Seder na festividade de Pesaj. Ademais, os xudeus máis rigorosos coa súa tradición no relativo á preparación dos seus alimentos, incluíndo o viño, coidan que teñan unha certificación especial chamada kasher. En varios países americanos e europeos hai bodegas que producen viño kasher, cuxo proceso de fabricación ten que ser supervisado simbolicamente por rabinos ou outros membros da comunidade xudía. 

5\¿Que lle debe Galicia á cultura hebrea?  
A recuperación da memoria histórica tocante ó pasado xudeu de Galicia é hoxe importante porque as relacións entre xudeus e cristiáns galegos estiveron máis marcadas que noutros lugares de Europa e da Península pola tolerancia: trazo da ideosincrasia galega segundo unha tradición que ten como vemos base histórica... 


[Fonte: www.cbarros.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário