sábado, 7 de julho de 2018

A RAE «regala» exemplares sobrantes da última edición en papel do dicionario


«Houbo un erro de cálculo clamoroso e pensouse que se ían vender máis dos que se venderon», di un académico. A RAE precisa que son doazóns.



A polémica saltou onte cando o académico Pedro Álvarez de Miranda recoñeceu que a Real Academia Española (RAE) «está a regalar» os numerosos exemplares sobrantes da edición do dicionario en papel do ano 2014 e puxo en dúbida a continuidade de publicación de dicionarios neste formato.

«Non se poden imaxinar como están os almacéns de Espasa Calpe, cheos de exemplares que non se venderon. Houbo un erro de cálculo clamoroso e pensouse que se ían vender máis dos que se venderon, pero a xente preferiu non gastarse os 99 euros no papel e esperar á versión dixital», sinalou o académico durante a súa intervención nun curso de verán no Instituto Cervantes.

De feito, Álvarez de Miranda asegurou que a editorial «quería incluso destruír» eses exemplares sobrantes. «Agora non sabemos que facer con eles e estámolos regalando a escolas», engadiu, tras recoñecer que é unha «preocupación» para a institución posto que «era unha fonte de ingresos e de aí veñen moitos dos problema económicos».

Doazóns de exemplares

A Real Academia Española (RAE) precisou hoxe que as doazóns de exemplares de dicionarios en papel están destinadas a bibliotecas públicas e centros educativos preuniversitarios de comunidades autónomas, ao África subsahariana e a benefectares da Fundación Pro Real Academia Española.

«Estas son, exclusivamente, todas as actuacións que a Real Academia Española realiza e realizará para difundir o Dicionario da Lingua Española a título gratuíto», sinalou a institución nun comunicado, matizando as declaracións do académico Pedro Álvarez de Miranda, quen aseguraba que se están regalando ás escolas» os exemplares sobrantes da edición en papel do ano 2014.

Así, a RAE recordou que «desde hai dous anos» realizáronse unhas «operacións de doazón» de exemplares do Dicionario da lingua española (DLE) a todas as comunidades autónomas con destino ás bibliotecas públicas e aos centros educativos preuniversitarios.

Máis recentemente, comezou unhas actuacións similares, a través das embaixadas do Reino de España, cos países do África subsahariana para dotar de exemplares do DLE aos centros de ensino secundario e universitaria onde se imparten cursos de español.

Así mesmo, desde 2015, todos os novos membros da Fundación Pro Real Academia Española reciben cando se inscriben como benefactores desta plataforma de apoio financeiro á RAE un exemplar desta mesma 23ª edición do DLE. 


[Imaxe: J.J.GUILLÉN/EFE - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário