quinta-feira, 7 de junho de 2018

Tradutores como escritores

Un artigo de L. C. Carballal

O historicamente infravalorado oficio de traducir, dado que o tradutor se limita simplemente a poñer nunha determinada lingua un texto escrito noutra, merece unha reivindicación, pois modestamente opino que un tradutor é en esencia un reescritor e xamais un simple, ou excelso –tanto ten–, copista dun texto con outras palabras. 

A importancia do seu labor –nunca dabondo recoñecido–, ao que debemos o coñecemento e mais a literatura universais, fica a miúdo pouco destacado, ou mesmo en ocasións oculto, coma se fose irrelevante saber quen traduciu o texto que que se le, pois o resultado sempre sería o mesmo. Idea errónea de vez, como se pode comprobar a seguir coa tradución do fragmento final do relato A caída da casa Usher de E. A. Poe feito por diferentes tradutores:
 
A caída da casa de Usher: tradución de Ricardo Tercopara “O relato fantástico”, 1995. Ir Indo Edicións, Vigo.

[...]. O resplandor viña da lúa chea, vermella coma o sangue, que brillaba con toda a súa forza coándose pola fenda tan difícil de ver antes, e da que dixera (que) baixaba en ziguezague desde o tellado da casa ata os alicerces. Mentres isto fitaba, paralizado polo pasmo, a fisura abriu moito máis; daquela chegou unha ventada do remuíño e o disco do satélite estalou diante dos meus ollos. O meu entendemento estivo a piques de se derrubar cando vin os muros caer para os lados. Houbo un longo e aparatoso batifondo, como o ruído da auga de mil fervenzas a caer batendo unhas contra as outras, e o profundo e escuro lago foi pechándose aos meus pés levando consigo os últimos restos da casa dos Usher.
A caída da casa Usher: tradución de Equipo Tris Tram para “Contos de Edgar Allan Poe”, 1996. Editorial Tris Tram, Lugo.
[...]. O resplandor procedía da lúa chea, vermella coma o sangue, que brillaba con intensidade a través daquela fenda antes case imperceptible e da que xa expliquei que se estendía en zigzag desde o tellado do edificio ata a súa base. Mentres a contemplaba, aquela fenda ensanchou rapidamente...; veu unha forte lufada do turbillón...; ante os meus ollos apareceu de súpeto a lúa con todo o seu círculo...; crin perder o sentido ó ver os poderosos muros derrubándose...; houbo un longo e tumultuoso rebumbio, como a voz de mil mares...; e, ós meus pés, o profundo e corrompido estanque pechouse sombrizo e silencioso sobre as ruínas da “CASA USHER”.
A caída da casa Usher: tradución galega de Eva Almazán para “Edgar Allan Poe: Contos completos”, vol. 1, 2009. Editorial Galaxia, Vigo.
[...]. O resplandor era o dunha Lúa chea que, ao pórse na madrugada, tinguida de sangue, refulxía con intensidade a través daquela fenda que apenas fora distinguible, e que segundo expliquei partía do tellado do edificio e percorría a fachada, en zigzag, ata os alicerces. E ante os meus propios ollos a fenda ancheou con rapidez, e o remuíño de vento lanzou un violento refacho, e a totalidade do orbe satelital quedou de súpeto á vista, e a miña mente sacudiuse ao ver que os potentes muros viñan abaixo con estrondo, e sentiuse un clamor longo e atropelado como a voz de moitas augas, e a charca fonda e lidrenta que se abría aos meus pés cerrouse de súpeto, en total silencio, sobre o entullo da Casa Usher.
A caída da casa Usher: tradución de Carlos Acevedo para “O gato negro e outros contos de horror”, 2014. Ediciones Vicens Vives, Madride.
[…]. O resplandor proviña da lúa chea, sanguenta no seu ocaso, que agora brillaba vivamente a través da fisura case imperceptible, da cal xa falei antes, e que desde o tellado do edificio descendía formando un zigzag até a base. Mentres a observaba, a fenda foi abríndose rápido…; por ela pasou un feroz refacho de vento, e o orbe completo do satélite ficou exposto de súpeto ante os meus ollos. A miña mente estremeceuse mentres contemplaba como os rexos muros se esboroaban…; oíuse un tumultuoso berro, como a voz de mil fervenzas…; e a profunda e neboenta lagoa aos meus pés asolagou en tristura e silencio os restos da CASA USHER.
Como vemos, aínda que o concepto que tiramos do fragmento é, ou debería ser, o mesmo en todos, a forma en que nos chega esa noción é diferente, nuns casos algo e noutros bastante, e podemos amosar preferencia por uns ou outros, porque a estilística é parte fundamental de toda obra literaria. Con todo, malia que o texto orixe (The Fall of the House of Usher, 1839) era exactamente o mesmo para todos os fragmentos:
    [...]. The radiance was that of the full, setting, and blood-red moon which now shone vividly through that once barely-discernible fissure of which I have before spoken as extending from the roof of the building, in a zigzag direction, to the base. While I gazed, this fissure rapidly widened –there came a fierce breath of the whirlwind –the entire orb of the satellite burst at once upon my sight –my brain reeled as I saw the mighty walls rushing asunder –there was a long tumultuous shouting sound like the voice of a thousand waters –and the deep and dank tarn at my feet closed  sullenly and silently over the fragments of the “House of Usher”.
O resultado foi diferente nas catro traducións por mor de que os diferentes tradutores fixeron unha reescritura do texto orixinal na lingua de destino. Se o labor o efectuara un programa tradutor –é moi posíbel que nun futuro próximo haxa programas capaces de dar un resultado satisfactorio– o resultado sería sempre o mesmo, mais ao se tratar dun traballo feito por persoas, a percepción que cada tradutor tivo do texto orixe e as súas preferencias no uso da lingua galega marcan as claras diferenzas e confirma que houbo un indiscutíbel labor de reescritura nos textos meta.
Por exemplo, examinando só a frase final vemos que dank tarn, literalmente “ pequeno lago de orixe glacial –o que en aragonés se denomina “ibón”– frío e húmido –pois este adxectivo reune ambos os conceptos–“, foi traducido como: “escuro lago”, “corrompido estanque”, “charca lidrenta” e “neboenta lagoa”; e que ningún fixo unha tradución literal –quizais imposíbel neste caso–, pois todos optaron por unha, máis ben, sensorial, emotiva, quizais metafórica.
Acho que o traballo a prol do galego que están a facer os tradutores é fundamental e tan importante como o dos mesmos escritores na tarefa de fixar un modelo de lingua estándar, mormente culta, e divulgar toda unha enorme cantidade de recursos léxicos e morfosintácticos, moitas veces recuperándoos do galego máis enxebre, entre os utentes do noso idioma.  
reivindico que o nome do tradutor deba figurar sempre na portada de toda tradución –algo que non sempre sucede–, sempre por debaixo do autor xaora, como un dereito innegábel, pois ao cabo eles desenvolven un trazo estilístico tan evidente nos seus traballos coma o de calquera escritor galego. 

[Fonte: www.praza.gal] 

Nenhum comentário:

Postar um comentário