sexta-feira, 2 de junho de 2017

“Utilizo os viños para obter información e atopar as mellores parcelas”

Entrevista a José Luis Mateo, viticultor e adegueiro de Quinta da Muradella, unha das adegas referentes da Denominación de Orixe Monterrei. Os seus viños atópanse nos postos máis destacados a nivel internacional grazas á súa aposta pola viticultura tradicional.

José Luis Mateo nun dos seus viñedos no mes de febreiro


Por David Glez. Eirexas
Os viños de Quinta da Muradella, na Denominación de Orixe Monterrei, son dos máis laureados ano tras ano en prestixiosas publicacións internacionais como a lista de Robert Parker. Non é casual por tanto que máis do 70% das botellas sexan descorchadas por amantes do viño de fóra de España.
Detrás deste proxecto está José Luis Mateo, un viticultor humilde que fixo algo tan revolucionario como volver á viticultura dos antepasados e traballar en harmonía coa natureza. Unha sinxeleza e unha perseverancia coa que afronta tamén os importantes danos que lle ocasionaron as xeadas nos seus viñedos: “Traballamos nunha profesión de risco, pero lograremos saír adiante”.
Hoxe en día es un dos referentes do mundo do viño en Galicia ¿Como te iniciaches na viticultura?
Empecei hai 27 anos, no 1990, sen pensalo moito. Daquela estaba estudando en Madrid e precisaba buscar unha actividade que me vinculase á miña terra, a Monterrei, pero tamén que me permitira vivir dignamente. En Monterrei había a posibilidade xunto ás augas, da viticultura, que non estaba desarrollada daquela e a Denominación de Orixe aínda só era unha idea.

Ademais, os meus pais tiñan, a aínda teñen, unha tasca en Verín, e empecei a traballar os viñedos familiares e a comercializar o viño a través da taberna familiar.
Podemos dicir, que ao comezo fuxín da terra, pero foi necesaria esa distancia para permitirme valorala e decatarme da necesidade que tiña de facer un traballo vinculado á miña terra.
¿Canta superficie de viñedo traballas a día de hoxe?
Entre catro persoas traballamos unhas 20 hectáreas, aínda que cheguei a levar máis superficie, e delas 17 hectáreas están no val de Monterrei ou en ladeiras e unhas 3 hectáreas na zona de montaña.

En propiedade teño unhas 15 hectáreas e arrendadas ou prestadas outras 4 máis. Son en total 23 parcelas con cepas que van desde os 90 anos aos algo máis de 20 das últimas plantacións. Cada unha delas ten características singulares, con diferentes altitudes, castes, densidades de plantación e tamén sistemas de condución moi diferentes, dende a espaldeira ao vaso.
Os teus viños son unha clara aposta polos plurivarietais. ¿Cantas castes cultivas?
O planteamento inicial do meu proxecto foi dun 60% de tintas e un 40% de castes brancas. En tintas teño Mencía, Bastardo, Mouratón e outras non acollidas á Denominación de Orixe pero tradicionais de Galicia, como son a Brancellao, Sousón, Zamarrica, Verdello Tinto, Caíño Redondo, Caíño Longo, Grau Negro, Alicante, Carabuñenta…; é dicir, practicamente todo o abano varietal que se pode atopar en Galicia.

En branco si que é máis reducido: Dona Branca, que é a base dos meus viños, Treixadura, Verdello ou Godello e algo de Torrentés, tamén algo de Caíño Branco, e 790 plantas dunha variedade local como é a Monstruosa de Monterrei.
Coa túa experiencia destes 27 anos, ¿Cales son as conclusións ás que chegaches como viticultor?
A principal conclusión, e o que me move a traballar, é que un viticultor debe traballar para lograr a uva o máis equilibrada posible. E a base da experiencia de anos vou vendo que iso se consigue tendo solos e viñas equilibradas, e que a adaptación ao seu entorno sexa o mellor posible. Con iso lógrase unha uva máis equilibrada, o que se traslada aos viños.

Isto lévame a un sistema de traballo de pouco laboreo ou moi selectivo en función da climatoloxía do ano, e a utilizar máis ou menos cubertas vexetais.
Tamén concluín que unha zona seca como Monterrei necesita outro tipo de sistema de condución; é dicir, máis que espaldeira hai que volver aos sistemas tradicionais en vaso, que son os que conseguen un froito máis equilibrado.
¿E como afrontas como viticultor as enfermidades fúnxicas do viñedo?
Dende o principio tiven claro que hai que ser o máis respectuoso posible co entorno e co medioambiente. A iso pódeselle chamar viticultura tradicional ou ecolóxica, como se queira. No ano 2005 certifiquei no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) as miñas 15 hectáreas en propiedade porque tiña claro que non quería utilizar produtos sistémicos nin abonos que non fosen naturais. E así o fixen, traballando co medioambiente da zona e de cada parcela e non en contra da natureza.

Temos ademais a sorte de traballar nun entorno como a comarca de Monterrei que, grazas ao seu clima seco e ventilado, é privilexiado en canto a ausencia de enfermidades fúnxicas. Ademais, se as viñas están plantadas nos sitios onde tradicionalmente se fixo viticultura é moito máis doado traballar en ecolóxico, pois os tratamentos redúcense ao mínimo.
¿Cales son os viños que tes á venda neste momento?
A adega chámase Quinta da Muradella, que é a marca paraugas. Por unha parte teño uns viños xenéricos que pretenden representar o panorama de Monterrei, como é o caso do Alanda. Logo teño viños que responden ao criterio dunha soa parcela, como o Gorvia ou Berrande. E por último, viños que son unha mestura seleccionada de uvas da zona de Montaña, como o Muradella Branco ou o Muradella Tinto.

Ao traballar en ecolóxico teño moita flutuación na produción. Así, o ano de maior colleita, no 2015, elaborei unhas 45.000 botellas, pero a colleita do 2016 baixou a unhas 20.000 botellas, pois houbo unha baixada do 60% na produción debido ás condicións climáticas adversas.
Viñedo de Quinta da Muradella en la montaña. Autor: vinoencasa.blogspot.com.es
Viñedo de Quinta da Muradella na montaña.
Autor: vinoencasa
Es un dos poucos viticultores que pode presumir de vender a maior parte do seu viño fóra de España….
Ata fai un par de anos exportaba case o 90% do meu viño, algo que cambiou un pouco dende o 2015 e hoxe o 70% do viño véndoo fóra de España e o resto no mercado galego e español. Os meus principais mercados son Estados Unidos, Xapón, Países Baixos, Francia, Australia e os países nórdicos.

Debo recoñecer que o aspecto comercial era o que menos me preocupaba desarrollar e que si me inquietaba máis o traballo na viña. Neste sentido, tiven a sorte de dar con distribuidores que entenderon o meu traballo e os meus ritmos e puiden desarrollar o meu mercado.
Un dos teus sinais de identidade é elaborar viños de garda, algo minoritario en Galicia. ¿Por que apostas por envellecer os viños?
Dende o ano 2004 o meu criterio é elaborar viños tanto brancos como tintos de garda, que evolucionen no tempo e que dentro duns anos ao abrilos se vexa que están vivos.

Unha ferramenta fundamental para ver o carácter das fincas e saber se son interesantes para a viticultura é facer viños por separado de cada parcela e deixar que evolucionen no tempo. E é que estou convencido de que os viños vellos son os que máis información proporcionan da anada, do carácter dos solos desa parcela, da forma de traballar ese viñedo…etc..
Os viños xóvenes presentan un carácter moi frutal, máis inmediato pero a información de mineralidade e das propiedades dos solos, que é o que máis me interesa, só se logran nos viños vellos. Por tanto, se consigo comparar anadas diferentes da mesma finca a información multiplícase e podo seguir afinando o meu traballo de buscar as mellores parcelas.
Poderíase dicir que utilizo os viños para quitar información das miñas parcelas e chegar a coñecelas.
Para elaborar viños de garda sírvome de múltiples sistemas. Así fago crianzas en aceiro inoxidable, en formigón, en barricas de diferentes volumes, en fudres, con lías e sen lías. Mesmo realizo experiencias con desarrollo de velo de flor en superficie.
¿Cara onde che gustaría orientar o teu proxecto de Quinta da Muradella no futuro?
Gustaríame seguir afondando máis no traballo na viña. A miña principal preocupación é desarrolar en profundidade as fincas e os terruños que me interesa traballar e que aportan diferencias.

Neste sentido, cuns amigos xeólogos estou desarrollando un traballo para coñecer o solo das miñas viñas. O obxectivo é buscar ese equilibrio que me interesa.
Por outra parte, recoñezo que me preocupan as viñas vellas da montaña, esas arredor de 4 hectáreas que non son miñas e que seguen traballando de forma tradicional os seus propietarios, aos que lles compro a uva. Estou vendo que, debido a que son persoas xa maiores, nun curto prazo de tempo terei que traballalas directamente, e iso supón un reto xa que o groso do meu traballo está no val.
É un reto que asumirei porque estou convencido de que onde realmente se pode chegar a facer viños dun estado superior á nas zonas de montaña, cun equilibrio natural que proporciona a idade das vides, o entorno e unha mestura moi sabia de castes que fixeron os viticultores tradicionais, logrando un equilibrio natural.
É dicir, os viños do val son máis directos, inmediatos, exuberantes e fáciles de entender. Pero realmente onde atopas as sutilezas e a elegancia e un punto de diferencia único dos grande viños é nas zonas de montaña e de ladeira.
¿Por que elixiches o nome de Quinta da Muradella para os teus viños?
O nome quería que identificase a nosa identidade, como zona de fronteira galaicoportuguesa, e tamén que expresase a forma de traballar de viticultura de terroir. Así, o de Quinta, que ao igual que en Portugal, é unha parcela acoutada, e A Muradella porque teño un viñedo nesa zona, onde precisamente se atopou unha antiga vila romana e dúas estatuas: unha de Venus e outra de Dionisios ou Baco, o deus romano do viño.

Ademais, penso que como viticultores tamén deberiamos traballar na preservación da toponimia local e na recuperación destas parcelas pechadas tradicionais que proporcionaban unhas características propias aos seus viños.

[Fonte: www.campogalego.com]


Sem comentários:

Enviar um comentário