![]() |
Fragmento do 'Lebor Gabála Érenn', ou Libro das Invasións de Irlanda que recolle a primeira mención a Breogán Dominio Público Trinity College Dublin |
Galicia, un relato no mundo
está chamada a ser, a partir da súa inauguración o próximo 8 de
novembro, a gran exposición do ano na Cidade da Cultura, e a Xunta mesmo
está a presentala como “a primeira gran exposición internacional do
Xacobeo 2021”. A mostra, que analiza “as relacións internacionais e o papel de Galicia na historia do mundo”, está comisariada por Manuel Gago, e este luns déronse a coñecer os seus principais atractivos, que se suman á presenza xa avanzada hai un mes do Cancioneiro da Vaticana, un dos tres grandes la lírica galaico-portuguesa medieval.
Xunto co Cancioneiro da Vaticana e o exemplar do Códice Calixtino conservado na mesma biblioteca, a mostra, con máis de 300 pezas, contará tamén con préstamos como o Libro das Invasións, onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán, o personaxe lendario que avistou Irlanda desde o faro de Brigantia. O Libro das Invasións, parte do Book of Leinster,
unha das principais compilacións da literatura medieval irlandesa, é
cedido polo Trinity College de Dublín e sae de Irlanda por primeira vez
na historia.

A mostra tamén contará, cedido pola Biblioteca de Arezzo, en Italia, co manuscrito do Itinerarium
de Exeria, no que esta aristócrata galaicorromana relata a súa
peregrinación a Terra Santa no século IV. Ou co Mapa de Sawley, cedido
pola Cambridge University-Parker Library, “considerado un dos
primeiros mapamundi enciclopédicos europeos, da época do Pórtico da
Gloria (século XII) A obra representa a Catedral de Santiago como o
edificio máis importante de Europa, ilustrándoa en maior tamaño que a
Basílica de Roma”. A mostra tamén traerá ao Gaiás o guerreiro de
Lesenho, “peza central para entender a Idade do Ferro no noroeste da
Península”, prestado polo Museu Nacional de Arqueologia de Portugal.
A exposición foi presentada este luns polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez,
que destacou a presenza nela de “obras que nunca antes se exhibiron en
Galicia, cun elevado valor simbólico e que resultan esenciais para
comprender a cultura e a identidade galega no marco histórico
internacional”. Rodríguez agradeceu especialmente a confianza
das arredor de 80 institucións de todo o mundo que cederon pezas para a
exposición e avanzou que nos próximos días agarda dar a coñecer novas
obras que viaxarán a Santiago.
Segundo salienta a Xunta, a
exposición “explora a profunda conexión do territorio histórico galego
con outros países, rompendo co mito de illamento e periferia, e poñendo
de relevo o seu impacto internacional”. “Cuestións como as tendencias
culturais e artísticas, as transformacións políticas, a influencia de
vías de comunicación históricas como a peregrinación a Santiago de
Compostela, os grandes movementos migratorios e a internacionalización
da economía galega serán aspectos moi presentes na exposición, onde a
tecnoloxía terá tamén un papel destacado”, salienta a Xunta, que engade
que a mostra “baséase na idea de exploración por parte dos
usuarios que, a través de solucións de montaxe gráficas e interactivas,
deciden en cada momento canta información queren recibir.
Tecnoloxías como sensores de movemento e presenza, sistemas inmersivos,
proxeccións interactivas e realidade aumentada terán un destacado peso
na construción do relato expositivo”.
“Nun percorrido que
nos leva desde a prehistoria ata a actualidade, a exposición estrutúrase
arredor dos mitos, a historia, as memorias e as vidas dos galegos e
galegas en diferentes épocas e contextos xeográficos”, explicou Gago, o
comisario da mostra.
[Fonte: www.praza.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário