terça-feira, 10 de julho de 2018

O castelán imponse nos cibermedios en Galicia, nos de Cataluña e Euskadi mandan as linguas propias


    Radiografía das linguas nos medios dixitais: 534 cibermedios en catalán, 109 en éuscaro e só 88 en galego. Galicia ocupa o quinto posto en número de medios dixitais entre todas as autonomías, pero o décimo en número de habitantes por cibermedio.
    Asociación de Medios en Galego (AMEGA)

     Por Alberto Quian

    Galicia é a quinta comunidade autónoma en número de medios dixitais, pero a décima en número de habitantes por cibermedio. Ademais, a proporción de medios en lingua galega está moi lonxe das cifras dos cibermedios en catalán e éuscaro. Así o reflicte un estudo asinado por profesores da Universidad de Navarra na Revista Latina de Comunicación Social, titulado 'Mapa de los cibermedios de España en 2018: análisis cuantitativo'.
    Con respecto á distribución territorial, a comunidade autónoma con maior número de  cibermedios é Madrid (574, 21,8%), seguida de preto por Cataluña (563, 21%) e, máis de lonxe, por Andalucía (382, 12,4%).
    A Comunidade Valenciana (150, 5,7%), Galicia (146, 5,5%) e País Vasco (134, 5,1%) tamén destacan como territorios cunha porción importante de cibermedios respecto do total estatal.
    Os investigadores identificaron un total de 3.431 medios dixitais en España, dos cales non poideron identificar a sede de 429, a maior parte deles de tema especializado, razón pola que a análise xeográfica final se fixo sobre 2.636 cibermedios si identificados territorialmente.
    As comunidades autónomas onde se identificaron cifras máis elevadas de cibermedios correspóndense coas zonas de maior concentración poboacional.
    Distribución territorial de 2.636 cibermedios activos en España en 2018
    Distribución territorial de 2.636 cibermedios activos en España en 2018 | Fonte: Revista Latina de Comunicación Social, 73, pp. 1034 a 1053.

    Para obter o cociente de cibermedios per cápita en cada comunidade autónoma, procedeuse a ponderar a cifra coa da poboación censada polo Instituto Nacional de Estadística (INE) en 2017. Deses datos conclúese que o número de  cibermedios por habitante é maior nas comunidades de máis poboación e, á inversa, en comunidades menos poboadas, a relación de habitantes por cibermedio é menor.
    Neste apartado, Galicia ocupa o décimo posto, con 18.550 habitantes por cada cibermedio, cifra que a sitúa lonxe de Cataluña (13.663), aínda que un chisco máis preto do País Vasco (16.374).
    LINGUA
    No que se refire ás linguas empregadas para a publicación, o castelán é a principal: 2.293 (75,8%) cibermedios utilizan o español como idioma principal ou complementario. Xunto con este, detectouse unha "presenza importante de todas as linguas oficiais do Estado" (catalán, éuscaro e galego).
    Os investigadores destacan o caso do catalán, con 534 medios que o usan (17,5% do total estatal), seguido máis de lonxe polo eúscaro, con 109 (3,6%), e por debaixo, o galego, con 88 (2,9%).
    "No caso do catalán, a súa presenza alcanza a nove de cada dez medios dixitais de Cataluña", sublíñase no estudo.
    Os datos mostran que nas autonomías con linguas cooficiais hai unha "moi notable presenza de cibermedios publicados só na lingua local ou ben en modalidade bilingüe ―e mesmo multilingüe, pois hai cibermedios que se publican en máis de dúas linguas―", sublíñase.
    Máis detalladamente, os autores destacan que "no País Vasco e, moi especialmente, en Cataluña, hai máis cibermedios publicados en eúscaro ou en catalán, respectivamente, que en español", ao contrario do que acontece en Galicia, onde hai máis cibermedios que usan o castelán que o galego (116 fronte a 85). 
    Tamén chama a atención "un número significativo de cibermedios publicados en inglés e alemán" e "outras linguas estranxeiras menos representadas" en zonas turísticas e de inmigración europea.
    O XORNALISMO EN GALEGO, POR DETRÁS
    Os resultados deste estudo van na mesma liña que outro recente traballo realizado por investigadores da Universidade do País Vasco e da Autónoma de Barcelona sobre os sistemas mediáticos de dez linguas minoritarias europeas.
    NOVOS CIBERMEDIOS COMARCAIS EN LINGUA GALEGA
    O pasado mes de maio naceron catro novos xornais comarcais: Xornal de VigoLugo XornalXornal da Mariña e Xornal de Lemos. Baixo o paraugas de Galicia Confidencial —que lles presta apoio informativo, comercial e técnico— estes novos cibermedios abriron novas fiestras á información de proximidade e en galego en Internet. 
    Cibermedios activos en España en 2018, segundo poboación e comunidade
    Cibermedios activos en España en 2018, segundo poboación e comunidade | Fonte: Revista Latina de Comunicación Social, 73, pp. 1034 a 1053.
    Distribución territorial dos cibermedios activos en España en 2018, segundo linguas de publicación
    Distribución territorial dos cibermedios activos en España en 2018, segundo linguas de publicación | Fonte: Revista Latina de Comunicación Social, 73, pp. 1034 a 1053.
    Xeolocalización de 2.492 cibermedios activos en España en 2018
    Xeolocalización de 2.492 cibermedios activos en España en 2018 | Fonte: Revista Latina de Comunicación Social, 73, pp. 1034 a 1053.




    [Fonte: www.galiciaconfidencial.com]

    Sem comentários:

    Enviar um comentário