domingo, 13 de maio de 2018

O galego ten xa a súa primeira Biblia políglota, e sae da Universidade de Vigo


Biblia políglota complutense / dream-alcala.com
Galicia xa conta coa súa primeira Biblia multilingüe dispoñible para o galego. Un proxecto do Seminario de Lingüística Informática, SLI, da Universidade de Vigo, co gallo da celebración a vindeira semana do Día das Letras Galegas e do festexo do seu quince aniversario. A nova Biblia nace da nova versión do Cluvi, un banco de traducións de libre acceso con 47 millóns de palabras entre o galego e outras linguas.
A nova versión do Cluvi incorpora ao seu banco de datos un importante número de traducións da Biblia, considerado o libro máis traducido do mundo – pode consultarse en máis de dous mil idiomas diferentes-, incluíndo a única existente en galego e outros doce idiomas, tanto da contorna cultural inmediata (portugués, francés, inglés, alemán e italiano); como o latín, considerada a primeira tradución da Biblia en lingua vulgar, o resto das linguas cooficiais do estado (catalán, español e éuscaro) e a lingua máis falada do mundo (o chinés).

Xavier Gómez Guinovart responsable da dirección, programación e deseño do Cluvi / Duvi

“Esta Biblia políglota do galego, a primeira da súa especie, resulta de especial significación na constelación de textos do Cluvi, xa que cos seus sete millóns e medio de palabras representa o conxunto de documentos de maior extensión textual recollido ata agora no seu banco de traducións”, explica no Duvi o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Xavier Gómez Guinovart. “Cómpre resaltar tamén a importancia de poder realizar pescudas informáticas na Biblia galega políglota no ámbito da tradutoloxía e dos estudos culturais, e a relevancia que posúe a súa tradución vernácula como índice da normalización lingüística dun idioma”, recalca o docente.
Entre as principais novidades desta nova versión atópanse a renovación do seu sistema de consulta e unha profunda ampliación da súa base documental coa publicación, entre outros moitos traballos. “Desde setembro de 2003 o SLI ofrece a posibilidade de realizar consultas en liña do conxunto de textos orixinais e traducidos recompilados”, explica Gómez Guinovart, responsable da dirección, programación e deseño do Cluvi. “A aplicación de consulta permite, por exemplo, buscar unha palabra e comprobar as súas equivalencias interlingüísticas en contextos reais de tradución, tal como se recollen nos textos orixinais arquivados no Cluvi e nas súas traducións”, engade Gómez Guinovart.

A Biblia é o libro máis traducido do mundo e índice da normalización dun idioma. 
Agora existe xa a Biblia políglota en galego / Duvi
DICIONARIO PLURILINGÜE
Con respecto as novidades nas súas funcionalidades de consulta unha das máis salientables é a incorporación ao sistema dun dicionario plurilingüe, que permite identificar nas traducións as palabras equivalentes aos termos da procura. Con esta nova característica, as prestacións do Cluvi achéganse moito ás ofrecidas por recursos como a aplicación gratuíta Linguee para outros idiomas, entre os que non se atopa o galego. “Por esta razón, o novo Cluvi pode considerarse o Linguee do galego, pois é quen de fornecer palabras e frases equivalentes entre o galego e moitas outras linguas, mesmo minorizadas, unha funcionalidade da que carece o Linguee que todos usamos”, explica Gómez Guinovart.
Xunto á renovación do seu motor de consulta, o novo portal presenta unha completa actualización da súa interface, “cunha presentación moito máis sinxela e completamente respectuosa cos dispositivos móbiles, que tenta ofrecer unha experiencia de uso igualmente agradable nas pantallas grandes e nas pequenas”.
COMBINACIÓNS DE TRADUCIÓNS
O Cluvi dispón de combinacións lingüísticas co galego, español, inglés, francés, portugués (de Brasil e de Portugal), catalán, italiano, éuscaro, alemán, latín e chinés (simplificado e tradicional) e as traducións incluídas pertencen a nove dominios especializados: ficción, informática, divulgación científica, textos bíblicos, dereito e administración pública, información ao consumo, economía, turismo e subtitulación.
“A finalidade desta aplicación é ofrecer un recurso de consulta para a tradución en galego e documentar a súa práctica con textos publicados en diversos dominios de traballo. Alén diso, as frases equivalentes entre linguas almacenadas neste corpus serven de material para dicionarios e outras aplicacións lingüísticas desenvolvidas polo grupo de investigación”, recalca o director.
[Fonte: www.xornaldevigo.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário