quinta-feira, 9 de novembro de 2023

Traducir ao galego

                                                Portada de 'Cumes Torboentos' © Laiovento

Escrito por L. C. Carballal

Co gallo da recente aparición da miña tradución dunha novela universal que hai tempo que debera estar traducida ao noso idioma: Cumes Torboentos, de certo por alguén máis arteiro ca min, xurdiu cun amigo unha discusión, na súa acepción máis amábel de debate, sobor da pertinencia de traducir ao galego libros, e xa por extensión calquera texto, que xa estea traducido ao castelán, lingua que todo galego coñece –obviamente por imperativo legal, mais a isto nunca se lle chama “imposición”–, por el considerar tal labor como unha tarefa va pró coñecemento da obra e dispendiosa.

Son argumentos válidos se se entende unha lingua como un mero instrumento de transmisión, sen ningunha bagaxe cultural e histórica nin relación afectiva co idioma, o cal evidentemente non se sostén cunha mínima análise científica. Baste citar como exemplo a adopción contemporánea do hebreo como lingua oficial do pobo xudeu no moderno estado de Israel, cando a mesma só perduraba como lingua litúrxica da relixión xudía, sen máis léxico có propio dos seus vellos textos, ao tempo que outras linguas modernas e máis estendidas constituían os idiomas maternos dos xudeus: inglés, francés, italiano, árabe, portugués, ruso etc.; que mesmo crearan dúas linguas como idiomas vernáculos do seu pobo: o yiddish e mailo ladino. Que sentido tivo que os israelís adoptasen e revitalizasen un idioma socialmente morto se non os guiase un sentimento de afectividade e afirmación nacional no feito?

Ao asumir unha tradución en lingua allea, por moito que a entendamos, asumimos á vez a súa verbalización do mundo

Ao asumir unha tradución en lingua allea, por moito que a entendamos, asumimos á vez a súa verbalización do mundo. Acaso non é a través das traducións en castelán que se forman a maioría dos nosos leitores e, por tanto tamén os nosos escritores. O resultado ben que se nota na nosa literatura contemporánea, cada vez máis castelanizada, tanto no léxico coma na morfosintaxe. É evidente que a nosa industria editorial galega non pode competir coa todapoderosa engrenaxe editorial española, mais –como pobo colonizado– tamén temos renunciado a compensar ese enorme desequilibrio ao non botar man da máis podente industria editorial portuguesa, seica porque a nosa “intelectualidade” aceptou servilmente o noso rol de rexión periférica de España, de termos unha lingua rexional, o cal está a levarnos inexorabelmente á paulatina extinción lingüística, aínda que sexa dun xeito paliativo.

Por outra banda, se o portugués podería ser o mellor remedio pra contrarrestar o dominio do castelán con milleiros de títulos editados que a industria galega nunca podería asumir, tampouco é aceptábel o argumento defendido por algúns lusistas de que existindo tradución dunha obra en portugués é innecesaria que a haxa en galego, porque este razoamento non se aplica ao mesmo portugués, onde a existencia dunha obra traducida en portugués brasileiro non empece a súa tradución ao portugués europeo. Acaso a proximidade entre ámbalas variantes non é mor cá que hai entre portugués e galego, mesmo se se usa a mesma ortografía; daquela, por que o que é admisíbel en portugués non o é en galego?

Amais, ao argumento de que unha tradución en galego achega unha reprodución máis nosa –se se ten o galego como lingua habitual, xaora– do texto alleo, tamén se pode engadir a incoherencia de quen defende argumentacións contra o galego que nin sequera o castelán ou o portugués observan. Así, na procura de documentación e comparación prá miña tradución de Cumes Torboentos comprobei que se fixeran unhas quince traducións da obra ao castelán, todas co mesmo título, e once ao portugués, mais neste con varios títulos. Se se defende a superfluidade de traducir unha obra que podemos ler tanto en castelán coma en portugués, como se xustifica a conveniencia de traducir unha obra que xa está traducida á mesma lingua?

Persoalmente sóame mellor “Cumes Torboentos” ca “Cumbres Borrascosas”, inda que recoñezo que é unha opinión pouco obxectiva, e amais coido que reflicte moito mellor o título orixinal de “Wuthering Heights”; pro, con todo, o seu principal valor é que está na nosa lingua, por moito que entendamos as que están noutras linguas comprensíbeis.

 

 

[Fonte: www.praza.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário