
"O home que falaba vegliota" de Reimundo Patiño © BDG70
Escrito por L. C. Carballal
A palabra “supremacismo” foise coando no noso vocabulario co significado de “ideoloxía que proclama unha superioridade absoluta sobre un concepto, quer dicir, a supremacía dun grupo de persoas en base a aquilo ao que se aplica”, así por exemplo nos EUA existe un movemento de “supremacismo branco”, que vén sendo o racismo de toda a vida.
Mais alén de racial o supremacismo tamén pode ser doutras índoles, como de xénero sexual, dando lugar ao machismo ou ao patriarcalismo, de orientación sexual, causando a homofobia, cultural, étnico, relixioso etc.
Aquí en Galiza levamos aturando o supremacismo lingüístico secularmente, esta ideoloxía é a base da glotofaxia ou extinción dunha lingua, explica a diglosia de xeito contundente e alicérzase tamén sempre en pseudociencia, neste caso lingüística, con multitude de datos históricos e sociais que nada demostran sobor da excelsitude dunha lingua.
Porén, que é o “supremacismo lingüístico”? En esencia, un ideal totalitario –tipo fascismo por exemplo– aplicado lingüísticamente: con linguas superiores e inferiores, o cal debe condicionar o seu status social inapelabelmente; onde se debe aceptar a desaparición das linguas dentro dunha teórica “selección natural” que obvia as leis, os apoios económicos e as prohibicións que actúan a prol dunhas contra outras; que, en definitiva, cre que a diversidade lingüística é un problema prá comunicación e o entendemento que se debe solucionar coa uniformidade lingüística.
E, obviamente, o supremacismo lingüístico en España é a procura como lingua única do castelán, chamado eufemisticamente “lingua común”, como se a actual situación de primacía e imposición do mesmo como único idioma oficial en todo o Estado non fose dabondo privilexio.
Os supremacistas españois proclaman a superioridade do seu idioma baseándose en datos que só indican unha situación histórica de poder e imposición e unha manchea de prexuízos, amais de moitas omisións intencionadas. Seguindo ese mesmo tipo de argumentos falseados podería argüírse a superioridade racial, étnica, relixiosa, sexual ou masculina, e de feito así sucede.
E ao supremacismo españolista combáteselle coas razóns da verdade, pois contra a manipulación e maila mentira non cabe outra argumentación. Impagábel é o libro, posto a disposición de todos, que a asociación Prolingua publicou en 2009: “55 mentiras sobre a lingua galega”, desmontando cada unha das falsidades que se lanzan contra o galego. Mellor ca eles non o vou facer eu.
Mais non quero pasar por alto unha verdade irrefutábel sobor da nosa lingua, que moi a miúdo se omite: o galego é unha das poucas linguas que triunfou, sen que isto a faga mellor ca ningunha outra, soamente é unha realidade que por motivos históricos se produciu, mais que os inimigos do noso idioma tentan obviar porque refuta gran parte dos seus argumentos: a extensión territorial, o número de falantes e a importancia social dun idioma como valor principal deste. E por que afirmo que o galego é unha das poucas linguas que triunfou, porque o galego é un codialecto do portugués ou lingua xemelga –e viceversa, xaora–, unha desas poucas linguas con valor internacional: con máis de 250 millóns de falantes, e crecendo, ocupa a oitava posición entre as linguas máis faladas; é oficial en nove estados e varios organismos internacionais; e ten uso obrigado na etiquetaxe de todo produto que se venda en Portugal, así que é moi habitual que as grandes compañías alimentarias inclúan o portugués xunto ao castelán nos seus produtos en venda na península.
Con todo, o supremacismo lingüístico vai por territorios e nun país un idioma pode ser hexemónico mentres que noutros ese mesmo idioma pasa a estar en situación diglósica. Por exemplo, o movemento supramacista estadounidense a prol do inglés “English Only” arremete contra o “spanish” nos EUA, obviando que a lingua dos inmigrantes hispanos era a propia do territorio que deu lugar aos estados de California, Arizona, Novo México, Texas ou Florida denantes da súa anexión; en Franza o francés impónse como a única lingua oficial da república menosprezando “linguas rexionais” como o neerlandés (extremo setentrional na raia con Bélxica) ou o mesmísimo alemán (en Alsacia e o norte de Lorena), alén do basco, o occitano, o catalán, o bretón, o arpitán ou o corso; na Federación Rusa segue a imposición do ruso fronte a calquera outra lingua, tal como se fixera durante a URSS ou o Imperio Ruso, obviando que a maior parte do seu territorio estaba habitada por pobos non eslavos; en Indonesia, un estado con máis de duascentas linguas autóctonas soamente o indonesio, unha variante estándar do malaio, ten o status de lingua oficial, xa que se persegue a homoxeneización dun estado xurdido hai menos dun século da descolonización das Indias Orientais Neerlandesas. En xeral, a imposición dunha soa lingua oficial nun estado é a norma, pola idea de que a existencia de máis dun idioma oficial nun estado fomenta a secesión, mais aí está Suíza con catro idiomas oficiais dende hai varios séculos -o último, o romanche, dende 1996- pra demostrar o contrario, ou a disgregación da América Hispana en varias repúblicas malia compartiren un mesmo idioma dominante, ou da Iugoslavia co mesmo idioma serbo-croata maioritario, ambos como exemplos de que un mesmo idioma non garante a unidade dun estado.
Particularmente, resúltame chocante ver como moitas persoas que se indignan perante a discriminación racial, de xénero, de orientación sexual ou de crenza relixiosa, pois toda discriminación está sustentada nunha crenza supremacista, sexan belixerantes defensores dun supremacismo cultural, obviamente porque esa cultura superior que defenden é a súa. Egoistamente están en contra das discriminacións que os prexudican pro non en contra das que os benefician: a condición humana en estado puro.
[Fonte: www.praza.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário