segunda-feira, 24 de outubro de 2022

Unha asociación portuguesa publica a maior antoloxía de textos teatrais en galego

Non era posible, ata agora, ler textos teatrais galegos coma Judite, de Marcos Abalde, ou As do peixe, de Cándido Pazó. O primeiro por falta de distribución e o segundo porque non fora nin editado. A Antoloxía do teatro galego contemporáneo de Cena Lusófona veu rematar con esta anomalía e con outras semellantes, xa que reúne nunha edición en dous volumes unha representación de voces da historia do teatro galego desde pouco antes de Abrente a primeiros dos anos 70.

                           Ás oito da tarde cando morren as nais, de AveLina Pérez © CDG

O primeiro tomo recolle, así, Un hotel de primeira sobre o río, de Xohana Torres; O cabodano, cerimonia de laios e salaios, de Euloxio Ruibal; Días sen gloria, de Roberto Vidal Bolaño; Cando chega decembro, de Manuel LourenzoAs certezas de Ofelia, de Luísa Villalta; Lugar, de Raúl Dans e Footing, de Gustavo Pernas, mentres que o segundo volume xunta As do peixe, de Cándido Pazó; Judite, de Marcos Abalde; Voaxa e Carmín, de Esther E. CarrodeguasNome: Bonita, de Vanesa Sotelo e Ás oito da tarde, cando morren as nais de AveLina Pérez.

                         Voaxa e Carmín, de Esther Carrodeguas © MIT

A asociación portuguesa para o intercambio teatral cos países lusófonos Cena Lusófona é a responsable desta publicación, que contou co asesoramento das investigadoras e profesoras Inma López Silva e Dolores Vilavedra -autora do texto que introduce a edición- e da directora de escena Ánxeles Cuña, coa colaboración de António Augusto Barros e de Pedro Rodrigues. Todos os textos inclúense, en 1900 páxinas, na normativa do galego da ILG-RAG e en portugués padrón. As versións en portugués foron realizadas por Sofia Lobo e Zé Paredes.

A relación de Cena Lusófona co noso teatro viña xa de atrás. A asociación conta cunha revista especializada, setepalcos, na que publicara xa no 2003 unha panorámica da historia do teatro galego. “Dúas décadas despois” -explica Dolores Vilavedra no texto que serve como limiar do libro- “a Cena Lusófona segue adiante, teimosa, co seu obxectivo de tentar situar o teatro galego nesas encrucilladas culturais que son, por unha banda, a comunidade de países en lingua portuguesa e, por outra, o ámbito iberoamericano”.

Antoloxía do teatro galego contemporáneo forma parte da colección de teatro Cena Lusófona, unha serie de publicacións de dramaturxia na que este dobre volume dedicado a Galicia comparte espazo con outros dez números centrados en autores e autoras de Angola, Moçambique, São Tomé e Príncipe, Cabo Verde, Portugal, Brasil e Guiné-Bissau. A edición de textos teatrais supón, á súa vez, un dos ámbitos de actuación de Cena Lusófona, cuxo proxecto de intercambio teatral entre os países da lusofonía inclúe a formación, coprodución e distribución de espectáculos, creación de infraestruturas teatrais, investigación, dramaturxias compartidas, debates e conferencias, exposicións e programas de cooperación.

Antoloxía do teatro galego contemporáneo vén complementar e actualizar, ademais, a Antoloxía do teatro galego publicada a primeiros dos anos 80 por Edicións do Castro baixo a coordinación de Manuel Lourenzo e Francisco Pillado. A selección de textos, explica Vilavedra no limiar do dobre libro de Cena Lusófona, “podería ser outra” -discutible como todas as escolmas- “certamente, mais que vén avalada practicamente en todos os casos pola concesión dalgún galardón, polos nomes dos seus autores e autoras e polo innegable interese das propostas artísticas que nos ofrecen. Doce textos non son moitos para máis de cincuenta anos, certo, mais abondo para debuxar aquí a cartografía do que hoxe é a literatura dramática galega e de como chegou a selo”.

                         As do Peixe, de Cándido Pazó © Contraproducións

A escolla comeza por un texto anterior á data na que adoita situarse o inicio do teatro contemporáneo galego, o 1973, momento do nacemento dos proxectos de Abrente. Trátase de Un hotel de primeira sobre o río, de Xohana Torres, obra coa que esta autora, moito máis coñecida como poeta, gañara o premio de textos teatrais en galego promovido por O Galo no tempo do espertar do asociacionismo cultural dos anos 60. Vilavedra relaciona este texto co teatro existencialista francés e co simbolismo que servía para tratar problemas sociais silenciados pola censura coma a especulación urbanística. Segue á obra de Xohana Torres O aniversario de Euloxio R. Ruibal, peza que obtivo no 1975 o Premio Abrente de Textos Teatrais que, segundo Vilavedra, critica a división social provocada pola guerra civil.

Antoloxía do Teatro Galego Contemporáneo recolle outros dous textos representativos da xeración Abrente, Días sen Gloria de Roberto Vidal Bolaño e Cando chega decembro de Manuel Lourenzo. O primeiro deles, relacionado co Camiño de Santiago e editado tamén por Positivas, foi gañador do Premio Rafael Dieste en 1992 e finalista do Premio Nacional de Literatura Dramática. O segundo incluíuse en Veladas indecentes, o volume que tirou do prelo Laiovento co que Manuel Lourenzo gañou o Premio Nacional de Literatura Dramática en 1997.

A transición xeracional desde Abrente está representada na antoloxía de Cena Lusófona por Luísa Villalta ou Raúl Dans. As certezas de Ofelia, de Luísa Villalta, fora publicado en Casahamlet, a revista ligada ao estudio homónimo de Manuel Lourenzo e Santiago Fernández, dando continuidade segundo Vilavedra ao proxecto de Lourenzo de pór en diálogo o teatro galego coas figuras do teatro universal.

Roberto Vidal Bolaño, nunha imaxe divulgada durante as homenaxes que recibiu en 2013, cando lle foi dedicado o Día das Letras Galegas © Henrique Alvarellos

Lugar, de Raúl Dans, premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais, formou parte da colección Biblioteca 120 de La Voz de Galicia e foi, ademais, unha das poucas pezas deste autor levadas ás táboas, estreada polo Centro Dramático Galego no 1999. Vilavedra sitúa a Gustavo Pernas e Cándido Pazó nun modelo de autor teatral, máis propio dos anos 90, que escribe textos para a súa propia compañía. Do primeiro a antoloxía recolle Footing, premio Rafael Dieste no 2001, e do segundo As do Peixe, Premio María Casares ao mellor texto orixinal no 2014 e un dos éxitos de público do teatro galego dos últimos anos.

A escolma da Antoloxía do Teatro Galego con autores e autoras de distintas xeracións formados xa na ESAD. Marcos Abalde, cuxo teatro político é doado de relacionar por exemplo co de Gustavo Pernas, constrúe en Judite, Premio Marqués de Bradomín de textos dramáticos do InJuve no 2012, unha potente e moi expresiva metáfora da violencia obstétrica cando este tema estaba moito menos presente no debate público, mentres que Esther F. Carrodeguas indaga no exilio interior das Marías, Maruxa e Coralia, en Voaxa e Carmín, peza que estreou coa súa propia compañía, ButacaZero, tras gañar con ela o Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT de Ribadavia. 

A antoloxía escolle por último, como representantes do teatro posdramático a Vanesa Sotelo e AveLina Pérez, aínda que inclúe, da primeira, un texto máis convencional, Nome: Bonita, premio Mondoñedo 10 de teatro, e da segunda Ás oito da tarde cando morren as nais, Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais no 2018, peza levado á escena recentemente polo Centro Dramático Galego.

 

[Fonte: www.praza.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário