sábado, 20 de janeiro de 2018

A Xunta actualiza o servizo de tradución en liña Gaio

Incorpora vocabulario específico do ámbito xurídico e administrativo, e tradución inmediata, que se xera mentres o usuario introduce o texto.

A Xunta vén de actualizar o servizo de tradución Gaio, que incorpora tres vocabularios personalizados diferentes: o xeral, o administrativo con nomenclatura das administracións galegas e nomes propios de lugares e persoas, e o xurídico con terminoloxía propia do campo xudicial e lexislativo. É unha das novidades da nova versión deste portal, que posibilita a tradución directa e inversa de textos e de webs en galego, castelán, portugués, inglés, francés e catalán.
Servizo de tradución Gaio.
Servizo de tradución Gaio

















A Amtega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística puxeron á disposición da cidadanía este servizo hai dous anos, nos que rexistrou máis de 2,6 millóns de visitas e traduciu 430 millóns de palabras.
NOVIDADES
Xunto coa incorporación de vocabulario específico, renovouse o deseño e mellorouse e simplificouse o funcionamento do tradutor, que agora permite introducir na mesma caixa tanto o texto como a url da web que se quere traducir.
A nova versión de Gaio está adaptada a todos os dispositivos móbiles, permite reverter nun só clic o sentido da tradución e copiar, tamén, nun só clic o texto traducido. Outra das novidades é a tradución inmediata, que se vai xerando mentres o usuario introduce o texto orixinal.
APLICACIÓN MÓBIL
Gaio tamén está dispoñible como aplicación móbil desde xullo de 2016 para dispositivos IOS e Android. A aplicación móbil Gaio conta cunha interface moi sinxela e intuitiva, permite a tradución de textos entre galego, castelán, inglés, portugués, francés e catalán. O usuario que descargue Gaio pode gardar as súas traducións favoritas, enviar suxestións para completar e mellorar os dicionarios de Gaio, configurar os idiomas por defecto e predeterminar se a aplicación debe ou non marcar as palabras descoñecidas. Está previsto que nas novas actualizacións a app incoporte as melloras da web.
Gaio é unha das 28 as apps dispoñibles no catálogo de servizos en mobilidade da Xunta de Galicia e que abranguen servizos para demandantes de emprego (Mobem); para o ámbito educativo (abalarMóbil); para a mocidade (Carné Xove); relacionadas coa meteoroloxía (Meteogalicia, MeteoRoute); coa pesca (Non piques-Non peques); co turismo (Enoturismo, Sendegal, Turismo de Galicia, Bono Iacobus, Camiño de Santiago); coa prevención da violencia de xénero (escAPP) ou coas TIC na empresa (aplicación do Centro Demostrador TIC, CDTIC), entre outras.


[Fonte: www.galiciaconfidencial.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário