segunda-feira, 30 de outubro de 2017

A forza do pensamento: Theodor Herzl e Stefan Zweig nos comezos do sionismo

Un artigo de Laureano Xoaquín Araujo Cardalda

N’O mundo de onte. Memorias dun europeo, unha deliciosa obra autobiográfica escrita ao comezo da Segunda Guerra Mundial e publicada postumamente en 1942, Stefan Zweig relata o impresionado que quedou cando coñeceu a Theodor Herzl en 1901. A admiración debeu de ser mutua, porque o propio Herzl recoñeceu o potencial literario de Zweig, a quen promocionou. Zweig, agradecido, redactou, n’O mundo de onte, un fermoso retrato de Herzl, sen dúbida o máis célebre dos primeiros sionistas.
Foi a comezos de 1895, o día en que asistiu en París ao acto de degradación do capitán Alfred Dreyfus, cando a vida do xornalista Herzl deu un xiro radical. Sabía que o militar era inocente e que aquela inxustiza se debía exclusivamente ao feito de que era xudeu. Naquel momento terríbel para o seu orgullo, Herzl deuse de conta de que a esperanza posta na tolerancia non tiña fundamento e de que a separación entre xudeus e cristiáns era inevitábel e debía, xa que logo, levarse até as últimas consecuencias, é dicir, até a creación dunha patria para os xudeus.
Un ano despois, en 1896, Herzl deixou constancia, n’O Estado dos xudeus. Proposta para unha solución moderna da cuestión xudía, de que o antisemitismo non só non perdía intensidade, senón que estaba a medrar. Xa non se trataba do odio relixioso aos xudeus propio da Idade Media, senón dunha resposta a unha nova cuestión de poder: había que deixar que os xudeus dominasen as clases medias nunha sociedade en que xa non existían as leis inhumanas contra eles? Era frecuente que fosen cidadáns exemplares, pero non querían renunciar á súa personalidade como pobo –nunca se deixaran asimilar por completo–, e nas súas patrias seguían a ser vistos como estraños e eran a miúdo perseguidos.
Herzl intuíu que os xudeus xamais deixarían de ser agredidos. Terían, polo tanto, que buscar unha solución: unha patria –na Arxentina ou, mellor, en Palestina– onde poderen fundar unha república aristocrática, unha democracia limitada que excluiría para sempre a posibilidade dunha nova diáspora. Sería un Estado onde habería liberdade relixiosa e separación estrita entre política e relixión. Tamén sería un Estado neutral. En canto á lingua oficial, o hebreo quedaba descartado porque xa non se falaba. Habería que acudir, polo tanto, ao modelo do federalismo lingüístico suízo. O símbolo do Estado dos xudeus sería unha bandeira branca con sete estrelas douradas.
Cando apareceu o opúsculo de Herzl con este plan pensado para acabar co antisemitismo, Zweig era un alumno do bacharelato, pero catro décadas despois aínda lembraría a sorpresa e o enfado dos círculos burgueses xudeus de Viena, que non entendían a necesidade de abandonar o seu país, onde non estaban en absoluto discriminados. Aos xudeus íalles moi ben e, de feito, terían un destacadísimo papel no período de entreguerras.
Zweig observou que a ambición principal dos criados na cultura xudía era a apaixonada adaptación ao país onde vivían, que constituía unha evidente medida de seguridade e respondía á necesidade de atoparen un fogar. Para iso acadou unha importancia central o crecemento intelectual e artístico da burguesía xudía, quizais como un intento de liberarse das estreitezas do gueto e de acceder á universalidade. O brillo que chegou a acadar Viena non pode en absoluto explicarse sen a achega dos xudeus. Pero, paradoxalmente, tanto a anterior centralidade das aspiracións materiais como esta nova propensión á excelencia cultural resultáronlles fatais.
A Zweig non se lle escapou o difíciles que eran de implementar as ideas de Herzl. O pobo xudeu era moi dispar, estaba repartido entre moitos países, con múltiples identidades relixiosas, ideolóxicas e lingüísticas, e resistíase a deixarse dirixir por unha autoridade única. Herzl tivo que enfrontarse ás máis diversas críticas, como a do seu descoñecemento da cultura xudía. Zweig nunca se uniu ao movemento sionista, polo cal sentía curiosidade pero que lle parecía demasiado conflitivo e indisciplinado. Polo visto, só puido presentir a forza do sionismo cando Herzl morreu e o enterro se converteu nunha peregrinación de miles de xudeus de todas as partes: “por primeira vez puiden apreciar canta paixón e esperanza deitara no mundo aquel único ser humano solitario coa forza do seu pensamento”.
Referencias:
Herzl, Theodor, Der Judenstaat. Versuch einer modernen Lösung der Judenfrage, Zürich, Random House / Manesse, 2010.
Zweig, Stefan, Die Welt von Gestern. Erinnerungen eines Europäers, Frankfurt am Main, Fischer Taschenbuch, 1152, 200736 [1970].

[Fonte: lauxacpraza.tumblr.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário