Escrito por Xesús Alonso Montero
Hai poucos anos que nos deixou, case centenaria, a escritora Luz Pozo Garza (1922-2020), unha voz de poeta das máis singulares de Galicia desde Ánfora (1949), en castelán, a Ou paxaro na boca (1952). Penso que no ano do seu centenario, 2022, foi debidamente lembrada e homenaxeada, pero xa uns anos antes a peculiaridade da súa voz chegara, dalgún xeito, a Xapón, onde alertou a curiosidade do hispanista Shozo Nakanishi, xa daquela un galaicista, pois traducira libros de Rosalía de Castro, ou de tema rosaliano, como Vida secreta de Rosalía (1996), que foi tamén, con certas novidades, o discurso de ingreso de Luz Pozo na RAG.
Shozo Nakanishi
ten feito varias viaxes a Galicia para visitar os lugares da memoria rosaliana.
Debemos engadir que o tradutor xaponés visitou, en varias ocasións, na Coruña,
a Luz Pozo, atraído, sen dúbida, pola música espiritual da súa obra e da súa
persoa. Xa falecida a nosa escritora, el escolleu, para traducilo ao xaponés, o
poemario Concerto
de outono (1981), con tantas páxinas delicadas da súa musa
existencial e social. É de xustiza subliñar que a versión xaponesa foi
elaborada a partir da tradución castelá feita ad hoc pola profesora Olivia
Rodríguez González, especialista na autora e a súa testamenteira.
Por certo, neste
libro, o tradutor xaponés emprega o pseudónimo Mesao Kuwabará, non empregado,
que eu saiba, en obras anteriores. Para os alleos, coma min, a lingua tan
distinta e tan distante, recomendo o breve prólogo, en castelán, de Víctor
Andresco, director do Instituto Cervantes de Tokio, políglota que tamén coñece
o ruso, idioma do que ten traducido algúns dos seus clásicos.
Pagaría a pena ter
noticia do éxito cualitativo e cuantitativo destas traducións xaponesas de
libros galegos, e non só dos asinados polo señor Nakanishi, senón polo
extraordinario galaicista Katekaku Asaka, autor de traducións de escritores en
lingua galega, por quen, desde hai moitos anos, nas vacacións, ten intensos
contactos persoais en Galicia con filólogos e poetas e tamén con xentes do
común que aínda falan, máis ou menos, o galego enxebre de certas comarcas.
[Imaxe: Ángel Manso - fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário