terça-feira, 26 de agosto de 2025

«A pintora», libro de Lupe Gómez

Lupe Gómez

A pintora

Medulia, 60 páxinas, 14,90 €, 2025

Escrito por Ramón Nicolás

Hai algúns anos, a poeta Lupe Gómez afirmaba que a pintura era unha manifestación artística moi do seu gusto e que, ás veces, sentía que as palabras non eran quen de recoller todas as dimensións semánticas posibles para expresarse polo que, daquela, lle gustaría probar o que a pintura puidera ofrecer.  Non  poño en dúbida a afirmación da autora de Camuflaxe mais, talvez como en ningún outro libro seu (e a súa produción é xa, por fortuna, ampla e vizosa), escintila un diálogo concibido á mantenta entre palabra e  pintura como o que se recolle no que é, polo de agora, o seu último libro: A pintora (Medulia), galardoado no certame de poesía Xosé M. López “Ardeiro” que convoca o Concello de Negreira.

Lupe Gómez, embaixadora cultural de Curtis-Fisteus, rescata e modula a súa memoria diante da evocación dos pasos de María Antonia Dans, pintora naíf ou, se se quer, neoexpresionista, naquel mesmo concello de Curtis onde, non hai moito tempo, se inaugurou nunha feliz iniciativa a Casa-Museo que leva o nome da artista e que o pai desta adquirira, hai por volta de cen anos, para trasladar á súa familia desde Oza dos Ríos.

A pintora, subtitulado “caixóns de auga malva”, supón así un certeiro paso máis na reconstrución dun territorio propio, moldeado ata no seu máis mínimo detalle, que se interna pola memoria e os ecos das xentes que foron e son, das persoas e da paisaxe singular que Dans retratou e que Lupe Gómez contribúe con respecto e talento a revelarnos. Esta nova epifanía, esta redescuberta estruturada nunha tripla división e dona dun estudado xogo cromático nos adxectivos dunha escrita esencialista e depurada como a que sempre exhibe, posibilita percorrer a infancia remota da poeta, ollada sen señardade mais con pulsión emotiva, onde vía a pintora. Desa experiencia recupérase o fulgor da expresión colorista e popular dunha artista que “debuxou colares / de graciosa romaría / no meu rostro de nena”.

Velaquí, se cadra, unha revisión sedutora do motivo horaciano que se agocha na locución latina “ut pictura poesis”. E en efecto, este libro así o testemuña: “como a pintura así é a poesía”.

Esta recensión publicouse nas páxinas de Cultura de La Voz de Galicia, o 23 de agosto de 2025.

PD. Tras a publicación desta recensión souben que Acacia Ojea realizara unha curta sobre un fermosísimo poema de Lupe Gómez titulado !A lingua resiste no estómago dun agricultor morto!, do libro Camuflaxe. Gustoume sabelo porque ás veces as casualidades seguen a alimentar ese universo infinito constituído polos afectos.

[Fonte: cadernodacritica.wordpress.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário