sexta-feira, 29 de agosto de 2025

Existe a reparación verdadeira?

27 de setembro  de 1975. Xosé Humberto Baena, un rapaz vigués de 24 anos, fica morto en Hoyo de Manzanares. O tráxico sino que o acompaña é o de ser o último fusilado polo franquismo.


Flor Baena e Xosé Humberto Baena

Escrito por Martín González

Responsábel de comunicación de Amnistía Internacional Vigo

O suposto crime de Xosé tiña unha forte carga política: o asasinato de Lucio Rodríguez Martínez, policía armado español, o 14 de xullo de 1975, sendo Xosé membro do Frente Revolucionario Antifascista e Patriota (FRAP). Non foi presentada nin era necesaria proba algunha no xuízo, na enésima mostra da utilización dos tribunais como arma de represión política e ideolóxica. Os militantes da FRAP José Luis Sánchez Bravo, tamén vigués, e Ramón García Sanz, ademais de Juan Paredes Manot e Ángel Otaegui, acusados de pertencer a ETA, recibiron a pena de morte no mesmo proceso. 

Todas as peticións de clemencia que recibiu Franco (mesmo do seu propio irmán!) foron ignoradas, e as executorias foron seguidas dunha forte reacción internacional. A prensa española, asemade, proclamaba aos catro ventos a clemencia do réxime, ao indultar aos outros seis condenados. Con todo, a sombra do terror alcanzaba a toda a cidadanía, conscientes de que ninguén estaba á marxe da represión.

Pena de morte

Deamos agora un salto no tempo ata 2025. 50 anos, 14 lexislaturas foron necesarias para que, finalmente, o xuízo de Xosé Humberto fose declarado ilexítimo e nulo. É dicir, a vítima pasou o dobre de tempo coma condenado que coma vivo.

Neste noso século XXI, casos coma o de Xosé Humberto aínda non son rara avis. A diario, nalgún recuncho do mundo, algún tribunal vese coa potestade de decidir quen vive e quen morre. E, a miúdo, as vítimas pertencen aos colectivos historicamente máis discriminados e os seus casos seméllanse ao de Xosé Humberto: procesos opacos, falta de probas ou "confesións" obtidas a través da tortura son factores comúns a moitos deles.

Sería natural pensar que, co paso do tempo e o maior rexeitamento social á pena de morte, esta fose quedando atrás. Porén, tamén sería un chisco inxenuo, pois 2024 foi o ano con maior cifra de execucións xudiciais en case un decenio: 1.518 mortes en 15 países. A lista destes últimos abrangue territorios tan distantes coma Somalia ou os Estados Unidos, países que viron aumentadas as súas execucións respecto a 2023. Para máis inri, teñamos en conta que nacións coma China, Vietnam ou Corea do Norte manteñen as súas verdadeiras cifras baixo chave como segredo de Estado. 

Podemos atopar un mínimo sosego (que nunca conformidade) no feito de que o número total de nacións que aínda aplican a pena de morte si vai en descenso, sendo os devanditos 15 países unha cifra menor aos 16 de 2023 ou aos 20 de 2022.

Absolución e memoria

Máis detrás de todas estas cifras, moitas veces abstractas e difíciles de procesar, o certo é que se atopan persoas e vidas concretas coma a túa ou a miña. Por moito que o seu nome estea xa limpo de aldraxes, a dura realidade é que Xosé non poderá celebrar a súa absolución. A súa irmá, Flor, é proba irrefutable das cicatrices que prácticas tan inhumanas deixan en nós: "Levamos unha alegría moi grande [...] pero tamén tristura, porque nada pode devolvernos xa a súa vida [a de Xosé]", dicía ao recibir o documento que anulaba a condena do seu irmán.

Que podemos facer como sociedade para non ter que chegar ao punto de condecorar con coroas de flores aqueles que xa perderon a vida? 

Nestes últimos 20 anos, Flor colaborou incansablemente con Amnistía Internacional para deter a execución de persoas condenadas a morte e para reivindicar os actos de memoria. A Lei de Memoria Democrática de 2022 permitiulle chegar a esta declaración de recoñecemento e reparación persoal, pero… trátase esta dunha reparación verdadeira? Que podemos facer nós, como sociedade, para non ter que chegar ao punto de condecorar con coroas de flores aqueles que xa perderon a vida?

Nunha época na que está de moda para moitos evocar unha ditadura que non se viviu, cabe preguntarse: a solución para o momento de desigualdade que pasamos… verdadeiramente pasa por concentrar o poder nun número aínda máis reducido de mans? A que felicidade ou xustiza pode conducir a soberbia de declarármonos xuíces e verdugos? 

Nestes intres, arredor de 28.000 persoas atópanse baixo un mazo envelenado, agardando a que sexa o momento da súa execución. Oxalá nunca se produza ese futuro e tantos sacrificios pasados non sexan en vano, pois o corredor da morte é un que xamais merecerá ser percorrido. Que as vidas de tantas vítimas non sexan esquecidas; pois o recoñecemento do seu tormento é un paso imprescindible cara á xustiza e a memoria colectiva.

[Foto: arquivo familiar - fonte: www.nosdiario.gal]

 




 

 

 



Sem comentários:

Enviar um comentário