quinta-feira, 15 de agosto de 2024

Alicia no país das marabillas, unha novela de amores difíciles

 


 Escrito por Xavier Queipo

Trátase, saberás, dunha das obras literarias máis traducidas durante varias xeracións (un long seller ou, se se quere, un clásico). Isto débese á capacidade imaxinativa que require e ao mesmo tempo estimula nas lectoras. Digo lectoras, pois nalgunhas sociedades conservadoras como a nosa foi considerado un libro para nenas, co que elas saíron gañando na súa formación como lectoras soñadoras e, nós, os nenos, saímos perdendo até que na idade adulta algunha delas nos aconsellou a lectura. 

O libro relata o desenvolvemento onírico dunha nena que, entre a vixilia e o sono, vai argallando unha historia fantástica na que descende por un tobo seguindo a un coello que á súa vez vai perseguindo o tempo, que medra e mingua de tamaño coma o personaxes das aventuras de Gulliver, que fala coas cartas da baralla ou senta na mesa para tomar o té cunha lebre, unha marmota e un sombreireiro con saturnismo. De xeito canónico, referendado polo autor no poema que abre o libro, Alicia enténdese como unha obra infanto-xuvenil, mais eu, como adulto, teño que discrepar desa interpretación. Nin os temas nin os comportamentos das personaxes se poden entender de xeito algún como específicos das primeiras idades da vida. Existen cuestións como a amizade equívoca entre o grifón e a falsa tartaruga (travestismo, simulación, comportamento mimético e excesivo, barroco incluso o da tartaruga e lánguido o do grifón), a relación sadomasoquista da Raíña e o Rei de corazóns, o despotismo do Coello co Lagarto, o carácter manipulador de vontades da Eiruga (que non deixa de ser un dealer de droga) ou outros que non cito por non ser prolixo. Todo iso dá en pensar que o libro foi escrito por un escritor consumido nos seus propios temores.

Claro que o poden ler nenos e nenas novos na idade da pre-adolescencia, mais coido que tamén é un libro para adultos. Se cadra, esta idea ten que ver coa miña primeira experiencia con Alicia, que non foi antes dos vinte anos. En idades máis novas e levado, se cadra, por unha educación onde os sexos estaban separados e, daquela, había lecturas «de nenos» e «de nenas», non fixo acordar en min ningún interese, entendendo eu, daquela, a Alicia, como unha nena algo relambida. 

En varias traducións das que fun consultando para facer a miña propia tradución en 2015, entendíase que era un libro para sub-adultos, e por iso aparecen en todas elas abundancia de diminutivos, dos que moitos deles nin sequera están presentes no orixinal.

Logo están os temas onde o medre físico se considera algo fóra de control, en contraposición ao eido emocional, que dalgún xeito si se pode resistir. De aí esas alternancias no tamaño da protagonista. A idade adulta preséntase como algo ridículo e pomposo en contraste coa nenez e a mocidade, pois os adultos son uns sabichóns, que andan sempre ocupados en non se sabe o que. Fálase asemade da inutilidade que na vida real ten o coñecemento adquirido na escola e doutros temas que non constitúen precisamente unha aceptación do modelo educativo da época.
 
Polas razóns expresadas con anterioridade, pola definición de personaxes que pasaron ao imaxinario colectivo de varias xeracións (o gato de Cheshire, a raíña de corazóns, o coello que procura o tempo, o Sombreireiro,..), pola aparente simplicidade que agocha un discurso crítico coa sociedade do seu tempo e pola tantas veces indefinición sexual das propias personaxes, o libro ben merece unha lectura atenta. Daquela, ben sexa na idade moza ou adulta, este libro e a súa continuación, chamada coloquialmente Alicia a través do espello, do que xa falarei noutra entrega, son de lectura recomendada.
Lewis Carroll, pseudónimo literario de Charles Lutwidge Dodgson (Cheshire, 1832-Guildford, 1898), foi un diácono anglicano, lóxico, matemático, fotógrafo e escritor británico. As súas obras máis coñecidas son Alice in Wonderland (Alicia no País das marabillas) e a súa continuación, Through the Looking-Glass, and What Alice Found There (A través do espello e o que Alicia alí encontrou).

 

[Fonte: www.revistaluzes.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário