Iniciado no pop-rock, os primeiros éxitos chegáronlle ao artista grego nun grupo que montou nos anos 60 co seu primo o cantante Demis Roussos
Vangelis, retratado en Atenas en xuño do 2001. O músico faleceu aos 79 anos nun hospital de Francia, vítima de complicacións de saúde derivadas do covid-19. Simela Pantzartzi | EfeEscrito por GRACIA NOVÁS
«Con gran tristeza anunciamos que o gran grego Vangelis Papathanassíou faleceu a última hora da noite do martes». Así deu a coñecer a noticia o avogado do músico segundo citou este xoves a axencia Athens News Agency. O compositor Evángelos Odysséas Papathanassíou, popularmente coñecido como Vangelis —que se fixo especialmente famoso pola banda sonora do filme de Hugh Hudson Carros de lume (1981) e tamén pola de Blade Runner (Ridley Scott, 1982)—, morreu nun hospital parisiense aos 79 anos, por complicacións de saúde derivadas do covid-19, segundo ampliaron medios franceses. O primeiro ministro grego, Kyriakos Mitsotakis, lembrou en Twitter que o segundo nome de Vangelis era Ulises. E engadiu: «Para nós os gregos, isto significa que comezou a súa gran viaxe nos Carros de lume. Desde alí enviaranos sempre as súas notas».
Considerado un dos pioneiros da música de base electrónica, o teclista non é doado de clasificar xa que a súa obra fixo incursións en territorios como o orquestral, o ambient, a vangarda sinfónica, a new age, a psicodelia, os jingles comerciais e o rock progresivo, pero tamén creou o himno do mundial de fútbol de Corea do Sur e Xapón do 2002 e mesmo a música para unha misión da NASA. Autodidacta —ata admitía que nunca soubo ler partituras—, aseguraba que o seu traballo se inspirou en campos tan diversos como a exploración espacial, a natureza, a arquitectura futurista, o Novo Testamento ou o movemento estudantil de maio do 68 francés. O seu son de carácter ambiental, dicía, nacía de combinar os sintetizadores analóxicos da década dos 70 coa raíz folklórica helénica e os coros da relixión ortodoxa. Os seus primeiros éxitos chegáronlle nos anos 60 da man do grupo grego de rock progresivo Aphrodite's Child, que montara co seu primo o cantante Demis Roussos.
Fotograma do filme «Carros de lume». 20th Century Fox |
Aínda que coa banda sonora de Carros de lume gañou o Óscar en 1982, en exitosa pugna co deus John Williams e a súa música para a primeira aventura de Indiana Jones —En busca da arca perdida—, ten no seu haber outras obras para cine interesantes como as de Missing (filme de Costa-Gavras, 1982), 1492: a conquista do paraíso (Scott, 1992), Lúas de hiel (Roman Polanski, 1993) e Alejandro Magno (Oliver Stone, 2004).
Pero é que ademais gravou máis de cincuenta discos, entre eles Oceanic (1996), nomeado ao Grammy ao mellor álbum de new age e do que, non fai moito, a serie Stranger Things extraeu un dos temas, Fields of Coral, para a súa banda sonora.
Con apenas 25 anos marchou cara ao exilio parisiense, empurrado o golpe de Estado de 1967 e a súa Ditadura dos Coroneis. Anos despois probou sorte en Londres, onde continuou a súa indagación electrónica e colaborou con bandas como Yes.
Autores de tanto impacto (tamén popular) na segunda metade do século XX como Jean-Michel Jarre ou Mike Oldfield dificilmente enténdense sen o seu concurso, sen esa música atmosférica de sintetizadores (ás veces tamén apoiada con instrumentos acústicos) de efecto envolvente e retórica grandilocuente.
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário