O escritor ferrolán subliña o «momento dulcísimo» que vive a literatura lusa
Por RAMÓN LOUREIRO
O escritor, profesor e ensaísta Vicente Araguas acaba de traducir ao castelán a luminosa poesía de 17 autoras portuguesas contemporáneas, todas elas nadas no período comprendido entre os anos 1955 e 1987. E o froito do seu traballo acaba de chegar ás librerías no volume titulado Sombras de porcelana brava, publicado en edición bilingüe pola editorial Vaso Roto. A antoloxía de Araguas inclúe versos de María Quintans, Ana Luisa Amaral, Rosa Oliveira, María do Rosario Pedreira, María Joãou Cantinho, Ana Marques Gastãou, Ana Paula Inacio, Renata Correia Botelho, Rita Taborda, Inés Fonseca, Filipa Leal, Claudia R. Sampaio, Catarina Nunes de Almeida, Andreia C. Faria, Beatriz Hierro Lopes, Tatiana Faia e Sara F. Costa.
Di Araguas que con este libro veu saldar a súa débeda de lector coa lingua e a literatura portuguesas. Unha débeda que se remonta xa ao tempo no que, tras «descubrir a Eça de Queiroz, rendeuse «namorado ante o poderío dunha lingua irmá», dun idioma intimamente unido ao galego.
Conforman, estas dezasete poetas -apunta Vicente no texto introdutorio da antoloxía-, o espello do «momento dulcísimo que vive a poesía lusa en xeral e, no relativo ás mulleres, en particular».
O reflexo, en fin, de algo que rolda estreitamente o ámbito do prodixio, posto que como anota o propio Araguas «non é fácil que ningún país, (e) menos considerando a poboación de Portugal, pouco menos de dez millóns de habitantes, guinde semellante balance, en calidade e cantidade poética».
[Imaxe: CÉSAR TOIMIL - fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário