Coa colaboración de Pierrot Rougier e mais de Rosa Cedrón, Quim Farinha, Chus Diaz e Marina Oural. As ilustracións son de Mónica Justo
A comuna del barruzo é o último proxecto da cantora e activista cultural da Mariña lucense Ugia Pedreira. Un disco libro en galego de Asturias, para crianzas e para persoas adultas que aínda non se despediron da inocencia da infancia, situado e inspirado no territorio Eo-Navia. Asinan estas 10 cancións protagonizadas por seres máxicos como A nena pisquela, Irmá Florita, O ser das ervas ou Gargallú poetas da zona como Héctor Acebo, Quique Roxíos, Belén Rico ou Arturo Alvarez e mais o bretón amigo da comuna Nicolás Kervazo, ou os propios Ugia Pedreira e Pierrot Rougier, que tamén compuxeron as músicas e interprétanas no disco. Pódense ver na rede os dous primeiros petiscos ou cachín clips: “A nena pisquela” e “A isla dos ventos”. O libro disco custa 20 euros e pode mercarse na tenda da Mesa (para socias/os 16 euros).
A comuna del barruzo aposta pola expresión do movemento como manifestación de vida e polo tanto de aprendizaxe. Todas as músicas están pensadas para ser bailábeis, desde o ritmo pop-rock a orquestracións máis clásicas de música de cámara, pasando polo reggae e por concepcións máis étnicas, detalles de folk galego-astur, bretón, gaélico ou da India e por sons que lembran debuxos de Miyasaki. Cada letra leva indicada, ademais, a variedade instrumental que se interpreta para traballar a súa identificación na escola, creando paisaxes sonoras diferentes adaptadas a cada temática.
É A comuna del barruzo unha oda á ruralidade como fonte auténtica de recursos para a supervivencia, unha louvanza á natureza e unha apoloxía dos contrastes e das diferenzas. É a confirmación da riqueza de imaxinario, hipóteses, patrimonio material e inmaterial que xera unha zona de tránsito, de fronteira como o territorio entre estes dous ríos, o Eo e o Navia. Un traballo de alta calidade para abrir unidades didácticas pedagóxicas no ensino do galego de Asturias e para constatar a importancia que ten a arte achegada ao territorio como columna vertebral dunha comunidade que se respecta, que se coida e se desenvolve nel.
Os seus valores son a ecoloxía como hábito, a creatividade como saúde, a curiosidade e a variación como motores da intelixencia, a non exclusión de ningún ser dentro das liñaxes, o aproveitamento do natural sen manipulación, os soños como información valiosa de futuro, o xogo como pilar de relacionamento, a proximidade de recursos materiais e inmaterias como sustentabilidade, a aceptación de todas as emocións como informativas para mellorar a súa xestión, o emponderamento da imaxinación e o consentemento dos paxaros na cabeza, a tolerancia co aburrimento para verse desde fóra e dentro, o cambio como poder transformador e a improvisación como compañeira de camiños.
Dirección artística e composicións: Ugia Pedreira
Produción musical, grabación, mistura e composicións: Pierrot Rougier
Ilustracións: Mónica Justo
Colaboracións: Rosa Cedrón (cello), Quim Farinha (violinos), Chus Diaz (sitar), Marina Oural (declamación)
Idea orixe e produtora executiva: Mialmaproduciois Creativas
Editorial: Noente Paradise (aCentral Folque)
Maquetación: Ricardo Cabanelas
Masterización: Estudios Abrigueiro
Produción musical, grabación, mistura e composicións: Pierrot Rougier
Ilustracións: Mónica Justo
Colaboracións: Rosa Cedrón (cello), Quim Farinha (violinos), Chus Diaz (sitar), Marina Oural (declamación)
Idea orixe e produtora executiva: Mialmaproduciois Creativas
Editorial: Noente Paradise (aCentral Folque)
Maquetación: Ricardo Cabanelas
Masterización: Estudios Abrigueiro
[Fonte: www.amesa.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário