segunda-feira, 2 de julho de 2018

“Quedar moito pano para mangas”, expresión de noso equivalente a “quedar mucha tela que cortar”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas"

Por Xosé Antonio Pena
Volvémonos atopar nesta ocasión, outra vez máis, ante un dos moitos casos en que as expresións máis puramente galegas foron sufrindo un proceso de paulatino desprazamento e substitución por parte dalgunha expresión castelá que ocupa os mesmos espazos de uso ca aquelas. 
Sen entrarmos a valorar a conveniencia ou non de aceptar normativamente en galego a paremia –posible calco do castelán– de "haber # quedar moita tea que cortar” (paremia que polo de agora non se recolle no Dicionario da Real Academia Galega en liña, ó contrario có que acontece coas paremias galegas que neste artigo priorizamos, as cales aparecen baixo a entrada pano), o que si é certo é que no noso idioma contamos con expresións que dan conta exactamente dos mesmos contidos ou nocións. Imos con elas, pois:
Haber # Quedar... (mucha) tela que cortar
{= 1. Haber # Quedar... materia abundante para tratar verbo dun asunto. 2. Haber # Quedar... moito que facer para rematar un traballo ou asunto, nomeadamente cando se venta que vai ser difícil ou que vai dar bastante guerra ou fraterna.}
Haber # Quedar... (moito) pano para mangas
Haber # Quedar... (moito) pano que cortar
Haber # Quedar... (moito) pano por cortar
Ex. (1): Al menos, el muchacho es consciente de que en esto de la música está haciendo sus pinitos y que todavía tiene mucha tela que cortar.
Tan sequera, o rapaz é consciente de que nisto da música está a facer os seus pereiriños e que aínda lle queda moito pano para mangas  e que aínda ten moito pano que cortar  e que aínda hai moito pano por cortar.
Ex. (2): A pesar de la ventaja, que nadie se relaje, que todavía estamos en el segundo cuarto del encuentro y queda mucha tela que cortar.
Malia a vantaxe, que ninguén se relaxe, que inda estamos no segundo cuarto do encontro e hai # queda moito pano para mangas  e hai # queda moito pano que cortar  e hai # queda moito pano por cortar.
● Mesmo tamén, para a “segunda acepción”:
Haber # Quedar... (mucho) por hacer
Haber # Quedar... (moito) que/por facer  (moito) que/por sachar  (moito) que/por lidar (moito) que/por vogar  (moito) que/por remar  (moito) que/por tecer  (moito) que/por roer  (moito) que/por debandar && Haber # Quedar... moito millo no canastro && [E TAMÉN, EN CONTEXTOS, DANDO A ENTENDER QUE INDA NON ESTÁ TODO FEITO, E MESMO QUE O QUE QUEDA PODE SER O MÁIS DIFÍCIL]: Inda estar # quedar... o rabo por esfolar
Ex. (2): Malia a vantaxe, que ninguén se relaxe, que inda estamos no segundo cuarto do encontro e queda moito que sachar  por lidar  por vogar  que remar  por tecer  que roer por debandar.
Ex. (2): Malia a vantaxe, que ninguén se relaxe, que estamos no segundo cuarto do encontro e inda queda moito millo no canastro  e inda está o rabo por esfolar.
NOTAS:
1. Polo que respecta á locución substantiva “pano para mangas”, cómpre dicir que tamén se emprega en portugués fornecendo uns contidos moi semellantes, como se pode apreciar nas seguintes fontes:
Dar panos para mangas
1 Propiciar comentários, dar o que falar: A demissão do gerente foi estranha, ainda vai dar panos para manga.
Ter pano para mangas
1 Dispor de todos os elementos necessários para fazer algo.
Dar pano para mangas
• Ser moroso ou trabalhoso (ex.: a avaria deu pano para mangas).
• Fazer com que se fale, escreva ou discuta muito sobre algum assunto (ex.: esta pergunta dá pano para mangas).
«Não ter pano para mangas» significa não ter por onde se alargar, não dispor de recursos suficientes para o que quer fazer, ter só alguns recursos, mas não todos os que permitiriam fazer tudo o que quer, tudo bem ou perfeito. Literalmente falando, não ter pano para mangas significa não ter tecido suficiente para fazer as mangas da peça de vestuário. Ora, a manga, embora seja uma parte importante da referida peça, pode não existir, ou seja, a sua ausência não inviabiliza por completo a peça de vestuário: pode haver uma blusa sem mangas, um vestido sem mangas, uma camisola sem mangas ou, mesmo, em extremo, um casaco sem mangas. Assim, quando alguém diz que não tem pano para mangas, pretende, em sentido figurado, dizer que não pode ir muito longe, não dispõe de muitos recursos, está limitado, ou, mesmo, que está atarefado, não podendo prestar atenção a tudo ou a todos que a solicitem.
Da expressão anterior se criou «ter pano para mangas», que significa ter muitos recursos, ter muitas potencialidades, ter muitos aspectos, ser extenso. Por exemplo, com a afirmação «esse assunto tem pano para mangas», pretende dizer-se que esse assunto vai dar muito que falar, tem muitos aspectos que vão permitir que se discuta longamente sobre ele. Com o mesmo sentido, existe «dar pano para mangas». Se um tema dá pano para mangas, tal significa que vai permitir muita discussão, muitos comentários.
Alén disto, tamén se rexistra en galego formando parte da expresión non facer pano para mangas, que vén a fornecer a noción de “non tirarlle rendemento a un traballo ou acción, ou ben tirarlle moito menos rendemento do que se debería, perdendo tempo e esforzos”, como equivalente de non facer branca ou non facer branca de pan, e en correspondencia en moitos contextos ao castelán no echarse nada en el bolsillo. Ex.:
Con tanto paquete que hay que clasificar y esta desorganización en el almacén, o nos coordinamos entre nosotros o no nos echamos nada en el bolsillo.
Con tanto paquete que hai que clasificar e esta desorganización no almacén, ou coordinámonos entre nós ou non facemos pano para mangas # ou non facemos branca # ou non facemos branca de pan.
Así mesmo, e como veremos en posteriores artigos, a voz pano é amplamente utilizada na fraseoloxía galega, como por exemplo na expresión sobrarlle pano a alguén, coa que se dá a entender que ese alguén dispón de medios e/ou recursos máis que abondos para levar a cabo algo (noutras palabras, que vai sobrado para facer algo ou lle sobran recursos para facer algo). Exs.:
Este año el Celta va sobrado para no descender.
Este ano ó Celta sóbralle pano para non descender.
En la última partida de subastado le faltaban ochenta puntos para ganar y los hizo sobrado.
Na última partida de subhastado faltábanlle oitenta puntos para gañar e sobroulle pano.
2. Velaquí a seguir un pequeno repaso a léxico que aparece neste artigo e que se callar resulta descoñecido ou dubidoso para algúns lectores (de tirarmos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, sinalámolo):
Fraterna (DRAG): substantivo feminino Alteración da tranquilidade dunha persoa, producida por algo que lle provoca preocupación, que lle resulta incómodo ou que a prexudica de calquera maneira. Os meus fillos, de pequenos, non me deron fraterna ningunha.
Ventar (DRAG): verbo intransitivo 1. Soprar o vento con forza. Estaba a chover, a ventar... puxémonos perdidos. Sinóns.: ventear, zafrear2. verbo transitivo Aplicar un animal o sentido do olfacto para percibir [algo]. O can está ventando a caza2. Ter a intuición de [algo que vai ocorrer]. Parece que ventou que ía vir o pai. Disque os cans ventan a morte. Seica ventas chuvia, que andas con paraugasSinóns.: barruntar, intuír, presentir.
Sachar (DRAG): verbo transitivo Remover a tona da terra a [un cultivo] co sacho, coa sacha ou con outros instrumentos aptos para ese labor. Sachar o millo. Sinón.: apicar
Lidar (DRAG): verbo transitivo 1. Enfrontarse o toureiro a [o touro] provocándoo con acenos para que arremeta contra el e esquivándoo con habilidade cando o fai. A arte de lidar tourosTamén absoluto Lidou con moita habilidade. Sinón.: tourear. 2. verbo intransitivo Participar nunha lide. Lidou como cabaleiro en numerosas batallasSinóns.: combater, contender, loitar. 3. figurado Enfrontarse a un traballo, a unha circunstancia ou a unha persoa difícil de levar con moita paciencia e perseveranza e facendo un grande esforzo. Lidou toda a súa vida para saír adiante. Moito tivo que lidar con el para que comese todo. Sinóns.: batallar, loitar, pelexar. [en definitiva, basicamente vénse a corresponder co castelán lidiar, e a acepción que se emprega na expresión recolleita é precisamente esta terceira.]
Vogar (DRAG): verbo intransitivo 1. Mover os remos para impulsar unha embarcación. Voga, voga, mariñeiro, vamos pra Viveiro, xa se ve San RoqueSinón.: remar. Confrontar: cear. 2. [Embarcación] desprazarse polas augas. Soñaba que a barcaza vogaba en mares escuros.
Tecer (DRAG): verbo transitivo 1. Enlazar unha serie de fíos paralelos de [unha fibra téxtil] con outra serie colocada perpendicularmente, formando un tecido ou unha tea. Tecer o liño2. Fabricar [un tecido] mediante ese procedemento. Tecer sabas e colchas. Antón.: destecer. Tamén absoluto Unha máquina de tecer. 3. Fabricar [a tea ou o casulo] a araña ou o verme de seda. Os rapaces quedaron ollando como a araña tecía a súa tea. 4. Combinar as partes, como correas, tiras etc., que forman [unha cousa]. Tecer un cesto de vimbio. 5. figurado Preparar ou organizar [certa cousa, polo xeral en prexuízo doutro]. Tecer unha intriga. Tecer mentiras e calumnias. Sinóns.: maquinar, tramar, urdir. ▲ FRASES E EXPRESIÓNS • Dar (haber, ter...) que tecer Dar, haber ou ter moito traballo. Aquí aínda queda moito que tecer. • Tecer e destecerAvanzar e retroceder unha persoa nunha actividade. Tece e destece e non dá acabado o traballo.
Debandar (DRAG): verbo transitivo 1. Desenrolar [o fío dunha madeixa] para formar un nobelo. Debandou catro madeixas de liño2. por extensión Desenvolver [o fío, cable ou arame] dun rolo e envolvelo noutro máis pequeno. Debandar unha bobina. 3. DebaerAs tripas debándanse e lávanse para logo facer os chourizos. [en definitiva, basicamente vénse a corresponder co castelán devanar.]
Canastro (DRAG): substantivo masculino 1. Cesta grande de vimbio con dúas asas. Encheu un canastro de mazás. Debandou catro madeixas de liñoConfrontar: paxe22. Hórreo que ten as paredes feitas de vimbios ou varas trenzadas. Atestaron o canastro de mazarocas. [a acepción que se emprega na expresión recolleita neste artigo é, obviamente, a segunda.]
Esfolar (DRAG): verbo transitivo 1. Sacar a pel a [un animal]. Matou un coello e despois esfolouno. Sinón.: pelar. 2. Arrancar a pel accidentalmente a [unha parte do corpo. Esfolou un dedo. 3. figurado Quitar os cartos ou bens a [alguén] mediante abuso, deixalo sen nada. Non te metas en negocios con esa xentiña, que te van esfolar vivo. 4. verbo pronominal Ferirse na pel. Esfolouse nun xeonllo. [en definitiva, en liñas xerais vénse a corresponder co castelán despellejar.]
2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Real Academia Galega. Dicionario da Real Academia Galega (en liña).
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- VV.AA.: Expresións galegas. Escolma. Obra actualmente non dispoñible e á que no seu día se accedeu, a través da internet, no enderezo seguinte: http://xatevexo.blogspot.com/2007/07/expresions-galegas.html


[Imaxe: El Confidencial - fonte: www.galiciaconfidencial.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário