quarta-feira, 4 de julho de 2018

Eduardo Maragoto: "As razóns de existir do reintegracionismo son mellor comprendidas hoxe"


    O presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL) quere ser optimista ao mesmo tempo que prudente na valoración sobre perda de falantes. Tamén considera moi necesario un cambio nas políticas lingüísticas levadas adiante que non favorecen unha inmersión no galego sobre todo no ámbito urbano.  

    Eduardo Sanches Maragoto, presidente da AGAL
    Por Moncho Mariño 
    Tedes que explicar o que é o reintegracionismo despois de tantos anos de  bagaxe, desde a publicación das primeiras teorías reintegracionistas? 
    É un debate que está moi centrado  no movemento normalizador e nas persoas que teñen interese no futuro da lingua.  Por que este non é aínda un debate xeral dentro da sociedade.  pero tamén penso que desde os anos 80 a imaxe do reintegracionismo mellorou bastante.  Principalmente dentro do movemento que está preocupado  pola lingua,  mais tamén pouco a pouco foi penetrando no proxecto de sociedade. Non estamos en condicións de dicir que o reintegracionismo sexa compartido nin sequera polo movemento normalizador,  pois aínda é minoritario nin no conxunto da sociedade galega.  Pero si estamos en condicións de dicir que os motivos, as razóns de existir do reintegracionismo son mellor comprendidas que hai varios anos. Non así no movemento normalizador pero si no conxunto dos axentes sociais. Aínda agora fixemos unha proposta, a proposta do binormativismo, que xa non diriximos  aos sectores preocupados pola lingua,  senón a todo o conxunto da sociedade. Non todo o mundo lle vai prestar os mesmos oídos,  pero si que hai unha maior comprensión.
    Cal foi o grande cambio que experimentou o reintegracionismo para que, en certo sentido e como ti dis, se vise aceptado por un número maior de xente?
    A internet mellorou moito as condicións nas que traballa o reintegracionismo. Nos anos 80 e 90 a  xente  non tiña condicións para avaliar a nosa proposta. Case  non tiñan oído falar portugués nin leran  textos portugueses. Iso corrixiuno internet, agora as persoas teñen máis noción do  que é  o portugués. Teñen oído os diferentes acentos do portugués  e son conscientes de que o galego ten cabida nese espazo.
    "Temos feito unha proposta de binormativismo que diriximos a todo o conxunto da sociedade"
    Pero aínda segue habendo reticencias, non?
    Debemos ser modestos por que aínda somos un movemento minoritario. Pero somos optimistas pois vemos que a nosa imaxe mellorou nos últimos anos.
    Estamos en minoría os monolingües en galego?
    Posiblemente, mais eu creo que non debemos perdernos entre eses estudos, esas enquisas e esas porcentaxes. Sobre todo porque eu penso que o estado da lingua é o mesmo que hai por exemplo 30 anos. E vai ser o mesmo de aquí a dez, porque o proceso é o mesmo que hai 30 anos. Penso que un pouco absurdo asustarse por se a porcentaxe de falantes nativos é maior ou menor. Hai 20 anos sabíamos que isto ía ser así. Eu penso, e AGAL pensa, que debemos tomar as cousas con calma sobre a situación na que estamos. Non para frear iso en concreto, pois non vai parar, senón para comezar outro proceso en paralelo.
    "Nos 80 e 90 case non se coñecía o portugués e iso corrixiuno Internet"
    E cal sería?
    Un proceso que sente as bases da revitalización do galego, pero que ninguén pense que esa revitalización comezará mañá. Por iso considero necesario comezar con outros procesos paralelos en obsesionarnos con frear a perda de falantes que eu penso vai continuar igual.
    E que estratexias segue AGAL para atraer máis xente cara as súas teses?
    Non é unha estratexia de atraer xente cara o reintegracionismo unicamente, senón de avanzar todos e todas xuntas na defensa do galego, con diferentes propostas que non teñen que ser exclusivas. Para ser atractivos á xente nova, temos que traballar a partir de dous alicerces. Un é o ensino cun sistema que xa está probado noutros lugares. Ese sistema é a inmersión no galego. Sobre todo en ámbitos urbanos onde a nosa lingua xa non existen moitas familias. Obviamente este sistema non debe excluír o ensino doutras linguas. Pero non podemos esperar moitos anos, debemos comezar xa aínda que sexa dunha maneira moi incipiente.  E o outro  alicerce de cara á normalización do galego sería afianzar o aspecto formal de escrita.  Ao non haber modelos estables, a xente séntese máis insegura no momento de escribir e falar en galego. Entón para esa estabilidade, si que penso que o recurso sería recorrer ao portugués, con toda a calma do mundo.
    Non é un desexo algo complicado?
    Sigo pensando que debemos sentarnos todos á mesma mesa e mirar en que medida Poderiamos confluír.  E para min o dito antes son os dous alicerces necesarios para atraer á xente nova e revitalizar a lingua.
    "Debemos traballar a estabilidade formal da escrita e na inmersión no galego sobre todo en ámbitos urbanos"
    Este ano o Día das Letras Galegas está adicado a unha profesora extremeña que mesmo deu clases de galego. Por que actitudes coma esta non conseguen calar fondo na nosa sociedade para cambiar actitudes?
    Porque é moi difícil e non se pode extrapolar unha biografía ao resto de biografías da sociedade. As persoas somos como somos e actuamos como actuamos, porque temos modelos aos que seguir e seguimos. A maioría das biografías que eu coñezo en Galicia mesmo de familias que falando galego teñen un desprezo considerable a esa lingua. O galego como lingua prestixiada só existe en determinados ámbitos. Sobre todo entre persoas que leron moito sobre esta cuestión social. Por iso digo que debemos ser pacientes,  pois o corazón dese movemento normalizador  está neses ámbitos cultivados.  Temos que ser empáticos, aplaudir as biografías galeguistas e ao mesmo tempo ser  empáticos coas outras biografías que non accederon ao estudo do galego como as que si o fixeron.

    [Fonte: www.galiciaconfidencial.com]



    Sem comentários:

    Enviar um comentário