domingo, 23 de novembro de 2025

Goindol


Detalle do dolmen de Axeitos. 

Escrito por Bieito Romero

Apalabra dolmen, de orixe bretón, significa literalmente «mesa de pedra». Esta terminoloxía é a utilizada no ámbito académico para referirse a estas estruturas megalíticas. Popularmente en Galicia, porén, as denominacións varían en función do seu estado: cando o monumento está soterrado, chámase mámoa (o túmulo); e cando a cámara está descuberta, recibe o nome de arca ou anta. A tradición oral achegou multitude de nomes míticos locais, como Casa da Moura ou Forno dos Mouros, que alimentan a súa lenda. En Galicia contamos con miles de monumentos deste tipo, sendo un alicerce fundamental da cultura megalítica atlántica que se estende dende Portugal ata as Illas Británicas. Monumentos como o de Dombate (Cabana de Bergantiños), o de Axeitos (Ribeira) ou o de Cabaleiros (Tordoia) son amplamente coñecidos e forman parte do noso patrimonio máis visible, testemuñas dun pasado común. Sempre souben que esta cultura construtiva non se limitaba só á nosa zona. Coñecía ben a presenza megalítica no Mediterráneo, comezando por Cataluña e Andalucía, seguindo polas illas de Sardeña e Sicilia en Italia, Malta ou mesmo o Magreb (Alxeria e Tunisia). Tamén tiña constancia da súa existencia noutras áreas de Eurasia, como o Cáucaso ou a India. Mais o que me chamou poderosamente a atención foi descubrir un dato que reflicte a verdadeira dimensión global do fenómeno: o país do mundo onde se concentra a maior cantidade de dolmens é Corea do Sur, onde están catalogados máis de 35.000 (o que supón arredor do 40 % do total). Alí chámanlles goindol, que significa «pedra de apoio», e constitúen un importante eixe do seu patrimonio prehistórico. O realmente sorprendente e misterioso é que, malia a inmensa distancia que nos separa —e as diferenzas nas súas datacións máis tardías—, moitos deses goindol coreanos son incriblemente parecidos, na súa arquitectura básica de mesa de pedra, aos nosos dolmens galegos. Esta semellanza formal entre o Extremo Atlántico e o Extremo Oriente suscita unha profunda pregunta: quen puido construír estes monumentos con tanta semellanza en lugares tan distantes? Unha conexión a través da pedra e da fondura do tempo que nos convida a reflexionar sobre as orixes comúns da humanidade


[Imaxe: Marcos Creo - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário