O xornalista portugués José Goulão presenta na Galiza as súas crónicas.
Genocídio na Terra Santa (Página a Página), do xornalista portugués José Goulão, é un testemuño de máis de 40 anos de reportaxes no Medio Oriente nos que dá conta dos masacres perpetrados por Israel. O autor principiou esta cuarta feira as presentacións do libro na Galiza, nun acto organizado pola Fundación Galiza Sempre na libraría Cartabón de Vigo. Esta quinta feira a presentación será na Libraría Pedreira (Compostela) e na sexta feira en Portas Ártabras (A Coruña).
Ao longo das reportaxes elaboradas nestas catro décadas, Goulão amosa a perspectiva do traballo informativo desde a propia Palestina de 1989 a 2023, antes dos ataques do 7 de outubro. Alí, foi quen de coñecer o modo de vida das persoas refuxiadas e reflexionar sobre temas coma o imperialismo, a doutrina sionista ou a diferenza entre relixión e etnia en relación ao autodenominado “pobo xudeu”. Desde este punto xorde precisamente Genocídio na Terra Santa, explica o autor a Nós Diario, tendo como obxectivos “contar como experiencia persoal cal é a cuestión de Palestina desde o inicio da ocupación” e “contar con exemplos humanos como este naceu, se desenvolveu e como está no estado en que está”.
A diferenza entre Gaza e Cisxordania
As diferenzas entre a situación que atopou entre a Faixa de Gaza e Cisxordania reflicten “distintos tipos de violencias”. Goulão atopa en Gaza un territorio “pequeno”, con dous millóns de habitantes concentrados, o que xera “unha situación insalubre por definición e que ten sido agravada coa ocupación militar, co cerco, coas restricións de abastecemento...”, “a vida de Gaza non é humana”, sentencia. En contraposición, en Cisxordania a violencia que se dá é “menos visíbel, semella menos violenta, mais non o é, alí hai a violencia dos colonos”. Resume esta violencia en dúas situacións: as ocupacións de terra por parte de colonos israelís e a imposibilidade, por tanto, dos palestinos e das palestinas para traballar estas terras, por exemplo, no cultivo de oliveiras –símbolo da identidade palestina-; e, por outra parte, os puntos de rexistro militares que imposibilitan a libre mobilidade dos civís, alargando até cinco horas traxectos de quince minutos.
A experiencia nas dúas intifadas
A primeira chegada de Goulão a terras palestinas foi en xaneiro de 1989, meses antes da primeira Intifada, polo que foi quen de presenciala en primeira persoa. Goulião cualifica este feito de único: “Aquela situación de mocidade a tirar pedras contra forzas militares moi poderosas e a represión israelí causou gran conmoción mundial, o que tamén xerou apoio á causa palestina”, explica.
A segunda Intifada é, porén, a resposta a “unha provocación” perpetrada por “Ariel Sharon e o aparato político da extrema dereita israelí, co apoio do Partido Laborista de Ehoud Barak”. A resposta palestina, ao existir xa a resistencia de Hamás, é moito máis “armada”, sinala. Isto xerou unha certa simetría inexistente na Primeira, o que prexudicou a imaxe internacional de cara á resistencia palestina, explica o xornalista.
A poboación palestina vese traizoada polos países árabes
Goulão considera imprescindíbel lembrar que Israel é un proxecto colonial que serve como ‘sucursal’ dos Estados Unidos na rexión de Oriente Medio. A complicidade estadounidense con Israel está presente na doazón de recursos económicos e armamento –no que os sinais de 'USA Army son visíbeis'-, sen os que, explica Goulão, sería imposíbel toda a capacidade de agresión que Israel ten na actualidade. “Os palestinos son conscientes disto”, sinala. Expón que, no caso dos Gobernos de países árabes, o pobo palestino “non ten confianza ningunha”, cualificando a relación deles cos palestinos como “de interese” e “de manipulación”. Goulão achaca isto, precisamente, á colaboración de moitos destes Gobernos -Catar, Emiratos Árabes ou Bahrain- cos Estados Unidos, xunto con situacións como a de Libia “un país destruído”, ou a do Iraq “un país colonizado”.
[Foto: LP - fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário