terça-feira, 12 de agosto de 2025

A lingua bate onde doe o dente

 


A Constitución aprobada en 1978 recoñeceu a Galicia como «nacionalidade histórica». Un xeito de recoñecela como nación. Iso foi posíbel porque en xuño de 1936 o pobo galego votara en referendo o Estatuto de Autonomía. Aquel extraordinario avance na historia de Galicia fora un logro que agromou na civilización republicana e polo que traballaran en especial, en corpo e alma, xeracións de galeguistas. Para quen loitaron, e para quen mantiveron ese camiño de vagalumes, unha razón de ser do autogoberno galego era pór en pé a lingua da Galiza, darlle vida en plenitude de dereitos e liberala da marxinación e a subordinación, mesmo da humillación. A natureza de «nacionalidade histórica» estabelece unha conexión entre o primeiro Estatuto e o vixente. E o compromiso coa lingua, a obriga de aleitar e potenciar o idioma propio, vén ser un acordo e un mandamento que atravesa os tempos. 

O apartado primeiro do artigo 5 do vixente Estatuto di o seguinte: «A lingua propia de Galicia é o galego». Nese artigo 5, apartado 3, dise: «Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas (galego e castelán) e potenciarán a utilización do galego en todos os ordes da vida pública, cultura e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento».

Por que lembrar todo isto? Semella algo demasiado obvio. Un manifesto xerado por intelixencia artificial. Mais non. Os poderes públicos de Galicia, o Goberno da Xunta, están a incumprir e estano a facer dun feito «natural» brutal. Como cualificar, se non, a deriva lingüística en Galicia? Historicamente, en canto a número de falantes, o galego nunca estivo en peor. E a regresión é acelerada. Segundo o Instituto Galego de Estatística, é dicir, datos oficiais, xa é maioría en Galicia a poboación que fala castelán. A primeira vez que un rigoroso estudo demoscópico reflicte que a xente que utiliza habitualmente o galego minguou a menos da metade dos habitantes. Un terzo da mocidade de entre 5 e 14 anos declaran «descoñecer absolutamente» o galego. Son case cen mil persoas novas! O que iso significa? A máis grave doenza para o futuro da lingua: estase a romper, a esnaquizar, a transmisión entre as xeracións.

Hai un proverbio italiano que di que «a lingua bate onde doe o dente».

O vixente Estatuto aprobouse en 1981. Houbo un consenso intelixente para chegar a unha Lei de Normalización. E o estado de cousas foi a mellor. De xeito irresponsábel, belixerante, rompeuse o «dente». O acordo fíxose cachizas. Volveuse a un xeito de apartheid na educación infantil. Prohibiuse o uso do galego en materias da «liña principal». Ter unha lingua propia é un recurso impagábel. Sábeno ben países avanzados, grandes e pequenos. Que vale o galego para a actual Xunta? En Educación destínanse dous euros ao ano por alumno para a teórica «potenciación» do galego. Iso é o prezo da lingua. A esmola de dous euros.

As árbores teñen raíces. Os humanos teñen pernas. As linguas teñen raíces e teñen pernas. Son unhas raíces que terman da terra, que forman parte da natureza, e son unhas pernas extraordinarias.

Sabemos cales son os feitos.

Os discursos poderían ser diferentes. O falar non ten cancelas. E unha das habelencias nas que máis avanzou a política foi na construción de «realidades alternativas». Pero nin sequera ese esforzo se fai. Mesmo hai un desleixo no mentir, unha preguiza propagandística.

Non hai calidade, nin sequera no enterro.

 

[Fonte: www.luzes.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário