Escrito por Bieito Romero
Recoñezo que na actualidade os móbiles son ferramentas, son moi útiles e importantes. Con estes aparellos temos a posibilidade de estar comunicados en case que todo momento e lugar. Agás certos problemas de cobertura ou de batería, o dispositivo cumpre unha función que hai apenas 30 anos nin non a poderíamos imaxinar. E considero que de bos problemas nos ten sacado en ocasións a máis de un. Dende aqueles primeiros móbiles modelo zapato que evolucionaron minguando ata chegar a ser do tamaño das pequenas caixas de mistos ata o pantallismo actual no que xa non só a comunicación é o obxectivo principal. Agora os móbiles son sofisticadas computadoras nas que se pode ter absolutamente de todo. Cerebros electrónicos que superan con moito todo o partido que poderíamos chegar a sacar deles. E neste punto é onde coido que deixan de ser tan bos para converterse en algo máis alienante e invasivo.
Vivimos nunha sociedade absolutamente dependente destes aparellos que se instalaron nas nosas vidas nun tan curto espazo de tempo que non fomos quen de asimilar o que significan. Unha porcentaxe moi elevada da poboación vive pendente dos móbiles; ben sexa pola comunicación, pola información ou polo ocio, se botamos contas, ocupamos unhas cantas horas diarias con eles. Dáse o curioso paradoxo de que canta máis comunicación temos, menos falamos persoalmente e menos nos relacionamos dende unha perspectiva humana. Rapaces que xa non xogan como se xogaba antes para facelo só cos móbiles ou pais que llos deixan ás criaturas para que non molesten. Temos todo un mundo a golpe de dedo e pantalla que nos arrastra a unha dependencia perigosa. Hai que andar con tino e máis coa chegada da intelixencia artificial e o que vai significar nas nosas vidas.
Xa en modo positivo tamén teñen unha aplicación ben interesante xunto coa da telefonía que é a lanterna. Grazas a esa luz teño resolto algunha que outra situación complicada como atopar a fechadura da porta ou algo que cae na noite e xa para rematar, nin que dicir da substitución que fixeron daqueles chisqueiros que nos abrasaban os dedos nos momentos máis especiais nos concertos. Pura maxia!!
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário