Os 20 apelidos máis frecuentes na Galiza —por volta de 200— están presentes en 60% da poboación. Rúa do Ensanche, en Santiago de Compostela
Os apelidos de hoxe orixináronse pola necesidade de identificar e distinguir as persoas, como explica o Instituto da Lingua Galega na súa Cartografía dos apelidos de Galiza (CAG). E para iso utilizáronse sobrenomes, patronímicos ou designativos de lugar, que só se comezaron a facer hereditarios na Galiza desde finais da Idade Media.
Todos os apelidos e nomes da Galiza son posteriores á romanización e non hai ningunha forma nova desde 1870. Nese ano implántase o rexistro civil e fíxanse os sobrenomes galegos.
Neste sentido, o galego como idioma instrumental foi desprazado na escrita desde principios do século XVI. Unha das consecuencias, como ten recordado a filóloga e membro da Real Academia Galega (RAG) Ana Boullón, foi que os nomes propios, tanto os dos lugares coma os das persoas, comezaron a ser modificados.
No caso dos apelidos, que xa eran hereditarios, sufriuse un proceso de deturpación que lles afectou de modo desigual. Temos apelidos galegos case en extinción e a súa forma 'castelanizada' gozando dunha boa saúde.
Aí están exemplos como os pouco máis de 200 Outeiro e máis de 42.000 Otero; ou que non se chegue aos 1.000 Martíns e haxa 113.000 Martínez; en 2011 ficaban tres Eanes e había máis de 7.000 Yáñez, a súa 'deturpación' castelanizada.
Segundo datos da Real Academia Galega ao redor de 16% dos apelidos na Galiza están castelanizados —por exemplo, os Outeiros que pasaron a Oteros— e 4% teñen unha forma híbrida, como sería o caso, por exemplo, de Seijas por Seixas.
Os 20 apelidos máis frecuentes —uns 200— na Galiza representan 60% do total. E 40% restante corresponde a miles de patronímicos, moitos existentes unicamente en galego e que están desaparecidos ou a un paso da súa desaparición.
Neste sentido, e como recollía ‘Antroponimia e lexicografía’, unha publicación elaborada polo Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega que pretende contribuír a afondar no coñecemento dos apelidos en Galiza. Rodríguez é o apelido máis común na Galiza con 237.000 usuarios. Hai máis de 21.100 apelidos que teñen un único portador. Láncara, Sanfíns, Miñor, Santradán ou Manselle son algúns apelidos en perigo de extinción.
Boa parte dos apelidos da Galiza, indica o ILG, teñen orixe en nomes de lugar (apelidos toponómicos: Piñeiro ou Castro), en nomes de persoa (apelidos patronímicos: González ou Vázquez) ou en nomes de oficios, dignidades, animais, características físicas, etc. (apelidos lexicais: Ferreiro, Conde, Pita, Rouco ou Louzao).
[Foto: Concello de Santiago - fonte: www.nosdiario.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário