sexta-feira, 11 de novembro de 2022

Increméntase o interese pola lectura, malia un contexto económico adverso

O interese pola lectura aumenta entre a xente nova. Esa é a percepción dos libreiros que, non obstante, ven o futuro con cautela por mor do desbocado incremento do prezo do papel.

 O Día das Librarías busca asentarse no calendario cultural. (Foto: Arxina)                                                O Día das Librarías busca asentarse no calendario cultural.

Escrito por MANUEL XESTOSO

Esta sexta feira celébrase o Día das Librarías, unha data que se conmemora en todo o Estado desde 2011, cando se instaurou para tratar de enfrontar a caída das vendas tras a crise de 2008. Aquel obstáculo foi superándose, mais a data foi incorporando novos obxectivos como o de facer fronte á competencia das grandes plataformas dixitais.

En 2020, a chegada da pandemia e dos confinamentos provocou unha sorprendente revitalización da lectura e da compra de libros que supuxo un respiro na actividade das librarías, que contemplaron con optimismo un notábel incremento das vendas.

Mais a partir de novembro de 2021 o prezo do papel comezou a subir e a transformarse nunha ameaza para toda a industria do libro; en maio de 2022 os editores xa confesaban que os prezos estaban desbocados. Hoxe, o incremento é, dependendo do tipo do papel, de arredor do 30%. Tomáronse medidas que trataban de evitar o encarecemento dos libros -basicamente, reducindo as tiradas-, mais moitos ven inevitábel que ese aumento chegue.

"Este é un tema que xera moita preocupación", explica Ramón Domínguez, presidente da Federación de Librarías da Galiza. "Todo o que supoña unha suba de prezos sempre é un elemento que desafía todo o sistema. Mais, coa curva inflacionista tan potente que estamos vivindo, damos por segura unha suba de prezos que esperamos que sexa razoábel. É practicamente imposíbel que as editoriais sigan tirando da redución das marxes comerciais. Talvez iso teña como consecuencia unha redución das vendas, mais esperamos que se trate dunha cuestión conxuntural. Hai que esperar".

Optimismo da estatística

O optimismo de Domínguez parece vir respaldado polas cifras: o último Informe sobre o libro e a lectura, de ámbito estatal, indica que a porcentaxe de persoas que len por ocio non deixou de medrar nos últimos anos, que acumula un incremento do 6,5% na última década e que o número de compradores de libros non de texto segue medrando.

"O que nós estamos notando é que existe un interese crecente da xente nova pola lectura, e iso é fundamental para poder avanzar. Unha cidadanía activa desde o punto de vista da lectura é unha cidadanía ben informada, con máis recursos para tomar as súas propias decisións e valorar mellor o contexto no que lles toca vivir.

Valor engadido

Domínguez esténdese no que considera o principal problema das pequenas librarías: o comercio electrónico. "Para poder competir coas grandes plataformas, as librarías temos que transformarnos en axentes culturais que, ademais de facer un traballo de prescritores co público, xeremos valor engadido á lectura e ao libro a través de actividades culturais que promovan a necesidade de achegarse á cultura escrita", declara.

E iso vale tamén para o propio Día das Librarías. "É unha data que aínda non está de todo tan asentada como poden estalo o Día do Libro ou o Día das Letras Galegas. Temos que ser quen de facer desta celebración un evento importante no calendario cultural e que sexa importante para a promoción e a divulgación da lectura. É necesario que pouco a pouco vaiamos acrecentando a súa importancia".

A suba do prezo do papel: a tormenta perfecta

Paradoxalmente, foi a mesma pandemia que contribuíu a subir os índices de lectura e a que as vendas de libros alcanzasen cifras espectaculares a que propiciou un aumento do comercio electrónico que tivo como consecuencia que as fábricas de papel reforzasen a manufactura de embalaxes en detrimento do papel para a edición. Por se iso fose pouco, o colapso do comercio marítimo que seguiu ao confinamento atrasou todas as previsións feitas pola industria.

Por outra parte, as continuas subidas do prezo da enerxía encareceron o produto e a distribución. E, para rematar, as consecuencias da guerra de Ucraína sobre o comercio internacional acabaron de definir un golpe ao sector editorial cuxas consecuencias non están definidas de todo e que ameazan con deixalo nunha situación aínda máis precaria.

 

[Imaxe: Arxina - fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário