Dez poetas galegas foron
traducidas ao grego nunha antoloxía bilingüe da editorial Vakxikon,
titulada Antoloxía da Poesía Galega Nova. O libro preséntase o 9 de
outubro en Atenas, nun acto no que dúas das autoras, Lara Dopazo e
Gonzalo Hermo, recitarán os seus textos en galego.
A libraría Public, na emblemática praza Syntagma de Atenas, acolle o 9 de outubro a presentación da Antoloxía da Poesía Galega Nova / Ανθολογία νέων Γαλικιανών ποιητών,
unha tradución bilingüe de dez poetas galegas ao grego. Procurando o
equilibrio, cinco mulleres e cinco homes compoñen a escolma feita por
Manuela Palacios: Tamara
Andrés, Gonzalo Hermo, Jesús Castro Yáñez, Alba Cid, Francisco
Cortegoso, Antón Blanco, Arantxa Nogueira, Rosalía Fernández Rial, Lara
Dopazo e Xabier Xil Xardón.
Foi a propia editora responsábel, Vakxikon, quen contactou Palacios para incorporar as poetas galegas á súa colección “Anthologies of Young Poets”,
pola que a traduce poetas mozas de toda Europa, coa condición de seren
menores de 40 anos e teren entre un e tres libros publicados. Galiza
súmase así a Suecia, Francia, Romanía ou Irlanda, sendo a primeira das
nacións sen Estado de España en ver publicadas as súas autoras máis
novas. Con todo, as de Catalunya e Euskal Herria xa están en camiño.
O editor Nestoras Poulakos e o crítico Thanasis Vavlidas presentan o evento, no que recitarán os seus textos dúas das autoras incluídas no libro: Lara Dopazo e Gonzalo Hermo.
A tradutora Sofia Karatza, responsábel da tradución xunto a Teresa
Pardo, tamén estará no acto. Ambas encararon un traballo inmenso, pois
como afirma Palacios “non son poetas doadas de traducir”.
Un duro camiño
A editora publica aproveitando subvencións existentes para as diferentes linguas ás que se achega. No caso galego, foi un proceso moi complexo, xa que as editoriais estranxeiras que se presentan ás axudas á tradución que convoca a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria atopan bastantes atrancos para se postularen.
As propostas só se admiten en galego ou castelán e a aplicación
telemática non recolle datos de fóra do territorio español. Vakxikon
rematou enviando a documentación por correo postal, mais quedou excluída
por ter a data de entrega fóra de prazo, aínda que a de envío quedara
dentro. Finalmente, a publicación saíu adiante coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
[Fonte: www.sermosgaliza.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário