domingo, 16 de novembro de 2025

Poesía e publicidade

Fran Alonso advírtenos desde o comezo deste volume que os seus poemas se inspiran na linguaxe publicitaria e nun heteroxéneo corpus fotográfico que o propio autor veu compilando desde o 2016

Escrito por RAMÓN NICOLÁS 

Se me preguntasen polo trazo máis salientable das propostas literarias de Fran Alonso probablemente respondería que o da transgresión, presente xa desde aquel lonxano Persianas, pedramol e outros nervios, publicado nos anos noventa do pasado século. 

Velaquí, así pois, outro tento, outra abordaxe poética dominada por un espírito contraventor e experimental que explora, desde unha atalaia crítica e, en ocasións, irónica e humorística, unha realidade omnipresente nas nosas vidas como é o da publicidade. Todo obxectivado e moldeado a través da creación poética como se evidencia por exemplo nestes versos: «Chámome publicidade, / pero eu tamén quero decidir / o teu propio destino». Alén disto, tamén se acrecenta aquí unha reflexión sobre o papel que a publicidade desempeña no noso día a día sen ocultar a intención, por veces tan disfrazada, de convencernos das bondades do produto que sexa. 

Fran Alonso advírtenos desde o comezo deste volume que os seus poemas se inspiran na linguaxe publicitaria e nun heteroxéneo corpus fotográfico que o propio autor veu compilando desde o ano 2016 e que resulta un elemento nuclear que explica a razón de ser deste libro de deseño suxestivo. Ao mesmo tempo, estas páxinas acollen, en clave dialóxica, outras voces que se asocian, por diversas causas, á devandita linguaxe como as de Amado Carballo, Safo, Kavafis, Yeats ou Pessoa entre outros, alén do uso de códigos QR para incorporar anuncios que se constrúen desde a poesía. 

O libro estrutúrase a través de cinco partes que percorren distintas dimensións da publicidade, isto é, cal é a súa presenza nos espazos comerciais, como e asenta a apropiación tolerada e progresiva que realiza dos espazos públicos, as clave da que recibimos de maneira personalizada a través da rede, aqueloutra que non repara en enganar para acadar o seu obxectivo e, finalmente, a que nos rodea e está en nós sen apenas decatarnos. 

Unha realidade magmática, actual e cotiá na que se cuestionan as dimensións ou os límites, se os hai, dunha sociedade gobernada polo consumo, tantas veces gratuíto e innecesario, ademais de analizar, desde a poesía, o porqué de tantos estímulos dos que somos obxecto da mañá á noite.

[Fonte: www..lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário