sábado, 18 de outubro de 2025

Recordo de Tánxer

Tánxer é unha desas cidades que debemos soñar moito antes de visitar, aínda que tamén poderiamos dedicarnos a fantasear e deixar correr a idea de estar nalgún lugar ao que nunca pertenceremos, polo que pasaremos sen deixar ningunha pegada máis que a de ozono. Como no amor, evitaremos o fracaso se polo menos elas, ou eles deixan rastro en nós.

Vista de Tánxer 

O avión deslizábase cara ás augas do Estreito arrolado polo vento de Levante que constrúe tolemias a dúas mans, ou a dous continentes, e eu pensaba no frechazo, tan misterioso, e nesa terra vermella que se debuxaba contra o mar con atrevemento, nesas estradas rectas que parecían conducir á eternidade ignorando a chamada da outra beira, a nosa, a que chama ao rezo da abundancia cinco veces ao día, como os muecines.

En Tánxer as mesquitas locen brancas e verdes, poida que amarelas, impolutas sempre como o céspede dos xardíns, tan coidados como os do palacio dun sultán. A vontade do estado está presente, supoño que ensinando o mellor ás visitas que estariamos máis contentas se puidésemos tomar unha cervexa nun bar. A civilización non son uns rododendros ben podados nas rotondas, non, a civilización é outra cousa, pero aínda non sei que. Pénsoo mentres tomo café au lait no café de París, ou no café Tingis ou en calquera dos cafés que xa existían cando Tánxer era toda esta beleza que vexo desde a terraza do hotel, a mesma baía que pintou Matisse mirando pola fiestra do Ville de France, e algo máis: o refuxio dos ricos, os bohemios, os excéntricos. Todo estaba permitido, o alcol, o sexo, comprar corpos e vontades. Todo é diñeiro, amigos, incluso a arte. Ou máis que nada, a arte, a literatura. Non pode escribir o mesmo Paul Bowles que Mohammed Chukri. Iso sábeo Blanca Riestra, que non está comigo, pero mo conta todo co seu libro, Últimas noites do edificio San Francisco, a mellor guía da cidade, que é máis que as tumbas fenicias e as covas de Cabo Espartel, é a memoria doutros que a converteron en lenda afogándose nos seus talentos, as súas miserias e unha boa dose de inmoralidade e xenebra

[Imaxe: Jalal Morchidi | EFE - fonte: www.lavozdegalicia.es]

 

 

 

Sem comentários:

Enviar um comentário