Amancio Prada comezará en Burela o 25 de outubro a súa xira polo cincuenta aniversario do seu disco 'Rosalía de Castro'. Nesta entrevista Prada debulla a súa conexión coa autora galega e o por que dese disco. Tamén repasa outros autores que ten musicado, ademais de como sente o fluír da cultura galego-berciana. Con actuacións en Ortigueira, Vigo ou Santiago, Amancio Prada quere volver a sentir a súa conexión especial coa poeta galega.
-Como se sente ante esta xira polo cincuenta aniversario do disco ‘Rosalía de Castro’?
Sinto unha ilusión enorme porque, ademais de que Rosalía ten andado comigo durante todos estes anos, tamén é unha alegría para min ver como todo o que cantei hai cincuenta anos ten para min o mesmo sentido e mesma vixencia e a mesma emoción.
-Por que decidiu incluír Burela no seu percorrido para este conxunto de actuacións?
O certo é que pola casualidade, non hai un motivo específico. Coñecía Burela mais cantei en San Cibrao, en Mondoñedo e en Ribadeo, mais faltaba Burela que conta cunha Casa da Cultura moi ben equipada. Facíame ilusión comezar pola Mariña.
-Cando traballou no disco ‘Rosalía de Castro’, cal foi o principal elemento que o impulsou a musicar os textos da poeta galega?
Eu tiña dezasete anos cando fixen as dúas ou tres primeiras cancións de Rosalía e dúas apareceron no primeiro disco, ‘Vida e morte’ de 1974, gravado en París, e eses temas foran ‘Como chove miudiño’ e ‘Un repoludo gaiteiro’. Quedara fóra do disco ‘Para a Habana’ porque era un suite de tres cancións enlazadas. Daquela, como os discos tiña cara A e B, tamén quería incluír dous poemas recentes de Darío Xohán Cabana, ‘Verbas a un irmao’ e ‘Vida e morte’, que daba título ao disco, e tamén unha canción de Celso Emilio Ferreiro que era ‘María Soliña’. Por todo isto quedou aí ‘Para a Habana’, mais a esa canción lle debo a miña primeira guitarra porque a cantei nun festival en Alar del Rey, provincia de Palencia, no verán de 1969, e levou o primeiro premio, dez mil pesetas que viñan con aquela “Galleta de Oro”. Con ese diñeiro merquei a guitarra que vira o día antes en Valladolid, foi a chave que me abriu o meu primeiro outono en París. Mentres, eu seguín lendo a Rosalía, subscribindo todo canto lía dela e xa me propuxen traballar nese tesouro lírico e sacar todo o que eu tiña dentro cos versos de Rosalía. Porén, se lle digo a verdade, eu non pensaba dedicarme á canción por moito que me gustara cantar desde neno.
-Mencionou a Celso Emilio Ferreiro e a Darío Xohán Cabana, cal é o motivo de atracción cara estes e outros autores?
Atráenme aqueles poemas que sinto como propios porque no fondo a ou o poeta é unha persoa extraordinaria que sente e pode sentir como unha persoa calquera. O cantor, o músico ten a posibilidade de darlle ás a esa poesía, de sacala do libro e cantala no aire para que todos a sintan, respiren e canten con ela. Coñecín a Darío Xohán Cabana cando eu tiña vinte anos e el tiña dezaoito en Madrid. Impresionárame moito a súa maneira de recitar os seus versos cunha paixón que te raptaba.
De Celso Emilio Ferreiro, cando eu estaba estudando apareceron dous libros que me acompañan desde aquela. O primeiro foi ‘Longa noite de pedra’, do cal teño feito tres ou catro cancións, e tamén ‘Viaxe ao país dos ananos’. Logo coñecín en persoa a Ferreiro e cun poema que titulou ‘Belén Ano Cero’ gañei un premio de “Villancicos Nuevos” en Pamplona. Déronme dúas estrelas de ferro, unha para o autor da letra e outra para o autor da música e con aquelas esculturas que pesaban moito fun até a casa de Ferreiro en Madrid para darlle e darme a min o feito de compartir con el ese premio. Del aprendín tamén algunha cantiga popular que incluín no disco ‘Caravel de caraveles’.
-Foi a través de Rosalía ou algún autor que lera anteriormente como coñeceu o galego?
Non, eu xa coñecía o galego porque alí no Bierzo todo canto se refería ao traballo no campo expresábase en galego, e en cada parte deste comarca as mesmas ferramentas teñen un nome distinto. Cando era neno non era consciente de se falaba en galego ou castelán, para min había un pasar dunha lingua a outra de maneira natural. Non tiven que facer o esforzo de aprender galego para ler a Rosalía, ademais que ela escribía nun galego moi popular. Logo, lendo outros autores como Cunqueiro, Domingo García-Sabell, tiñan palabras como “golpe” para referirse ao raposo, logo caín na conta que “golpe” ven de “vulpes” en latín. Un profesor amigo meu, Agustín García Calvo, poeta a quen tamén teño cantado moito, como profesor dicía que o francés, o catalán, o castelán, o galego ou o italiano eran diferentes maneiras de falar mal o latín.
-Cando e como se deu conta da conexión entre O Bierzo e Galicia en canto á lingua?
Non é unha cuestión soamente lingüística, co tempo e cando vas crecendo xa vas vendo as cousas cunha certa distancia e caes na conta que O Bierzo é o pórtico natural de Galicia atravesado ademais polo Camiño de Santiago. Hai unha cultura común, as cousas non son tan nítidas como esas raias que delimitan unha provincia doutra ou unha comarca doutra. Eu son como os paxaros, coma o Sil, que é berciano, leonés e galego que vai dar ao Miño que chega ao mar.
-Que outros autores e autoras vai incorporar a esta xira que inicia o 25 de outubro?
Teño a idea de facer recitais monográficos de Rosalía, pois teño máis de vinte cancións dela. Quero abrir ese abano de Rosalía que é moi amplo e pouco coñecido porque hai nomes que acaban case tapando a súa obra. Teño ganas de interpretar todas esas cantigas tan distintas e ver que sucede arredor de min, cantigas que tratan o sufrimento e tamén á paisaxe, Rosalía toma partido pola xente do campo.
-Haberá algún artista máis que se lle una durante os concertos para interpretaren xuntos temas do disco?
En principio non, se cadra ao mellor a primeira vez. Eu busco sentir esa unión íntima, lírica que sinto con Rosalía. “Eu son o que canto e canto o que vivo e vivo o que canto”, e aí, con Rosalía, paréceme que non é pouca compañía.
-A xira comeza en Burela o 25 de outubro. Que outros lugares acollerán os seus concertos?
Pois iremos a Ortigueira, a Vigo, Lugo, Ourense, Santiago, Madrid e Almería. Ese será o percorrido.
-Cando finalice os concertos do cincuenta aniversario do disco ‘Rosalía’, ten pensado realizar algún novo traballo?
O disco máis recente xa ten un ano, ‘Prada Prada’, que son os meus dous apelidos, e xa é o segundo álbum sobre un poema propio como fora ‘Emboscados’, un poema sinfónico. En ‘Prada Prada’ reunín todas as miñas cancións. Logo, por esa manía de facer os discos monográficos, vou buscando letras dentro de cada autor, non porque eu queira senón porque me sae así, mais quedan temas á marxe e ao mellor no próximo disco vou tentar unilas dalgunha maneira, a ver se logro o xeito de facelo.
[Fonte: www.amarinaxornal.gal]


Sem comentários:
Enviar um comentário