Este sábado decorrerá na Biblioteca Provincial da Coruña unha xornada de debate arredor das posibilidades de litigación estratéxica para avanzar nos dereitos lingüísticos. A iniciativa corre a cargo da área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña e o Observatorio de Dereitos Lingüísticos da Mesa pola Normalización Lingüística. A vicepresidenta desta última, Elsa Quintas, explica a 'Nós Diario' os motivos deste evento.
![]() |
| A vicepresidenta da Mesa e avogada, Elsa Quinta |
Por A.E.
—Faltan leis que defendan o dereito a vivir en galego e, ademais, falta que se apliquen as actuais?
Marcos Maceira máis eu cuestionamos no libro Liberdade para o galego o marco xurídico neste tema que consideramos que é moi adverso. Hai 500 disposicións que fan prevalecer o castelán e partimos dun marco constitucional no que hai xa unha oficialidade reforzada en beneficio dese idioma.
Todo se enmarca nunha xerarquía normativa que procura que teñamos unha lingua subordinada legalmente, con moi poucas concesións legais. Cando son dereitos recoñecidos, todo está secundarizado a esa hexemonía que ten a lingua castelá.
Se temos en conta que o ordenamento xurídico parte dunha desigualdade que veñen recoñecendo os poderes públicos, o Tribunal Constitucional (TC) aseguraba en 1984 que había un desequilibrio histórico entre catalán e castelán, algo que podemos trasladar ao caso galego. Nunca se rectificou por estar recoñecida na Constitución. Cando nas nosas respectivas nacións tentamos buscar unha superación dese desequilibrio, aí estivo o TC para dicir que era inconstitucional.
Mesmo antes, en 1983, xa se puxo en cuestión a Lei de Normalización Lingüística. Díxosenos que non tiñamos dereito a que se nos recoñeza o deber de coñecer o galego.
Cumpriría modificar os textos legais e para iso temos afortunadamente o apoio da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas así como do Comité de expertos que valora o seu cumprimento no Estado español.
—Que exemplos terá a xornada que se organiza na Coruña esta fin de semana?
Veremos casos moi variados. Por exemplo, desde Euskadi, Íñigo Urrutia porá o foco en como o poder xudicial está entremeténdose no poder lexislativo por estar matizando a lexislación do Parlamento vasco e tamén a política lingüística dos concellos. En Euskadi quéixanse de que o poder xudicial inmiscúese en todas as políticas lingüísticas. Crean prazas cun perfil lingüístico que os xuíces, coas súas sentenzas, frean.
Ademais, participará Benet Salellas, avogado de Omnium Cultural, que falará da xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea e do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos para enfocalo cara a litigación estratéxica. Ou sexa, como elevar ás instancias europeas aqueles asuntos que non prosperan no Estado español por ese sometemento ao marco xurídico negador dos dereitos das minorías.
Haberá, tamén, unha palestra con varios avogados e avogadas partindo da nosa experiencia na defensa da lingua. Por exemplo, o impedimento por parte da UNED de facer os exames en galego ou da obriga da Axencia Tributaria de comunicar en galego para quen o solicite. Tamén o caso que aconteceu en Rianxo que vai para longo e que, probabelmente, acabe en instancias europeas.
—Hai posibilidades estratéxicas de defender o galego a través de instancias europeas?
A nosa intención é explorar esa vía que nos parece moi interesante. Unha vez que as instancias xudiciais españolas consideran que calquera cousa é constitucional nós o que pretendemos é saltar ese xustillo acudindo a instancias superiores como son o Tribunal de Dereitos Humanos, por exemplo, para denunciar esa situación inxusta. Non estamos dispostos a ceder.
—É importante, nestes casos, que haxa denuncias e que se recollan, como fai o servizo Liña do galego da Mesa pola Normalización Lingüística?
A Mesa presta un asesoramento xurídico gratuíto, cousa que non fai a Secretaría Xeral de Lingua. É algo que chama a atención, que os poderes públicos estean de costas a este problema. Nós poñemos de manifesto que só a través da denuncia se pon nome ás inxustiza. Só denunciando coñecémolas e podemos atallalas, sexa pola vía xudicial ou visibilizando coa mobilización social as inxustizas.
[Fonte: www.nosdiario.gal]
[Fonte: ]

Sem comentários:
Enviar um comentário