terça-feira, 12 de fevereiro de 2019

Investigadores estudan as "particularidades lingüísticas" na fronteira hispano-portuguesa


A Universidade de Alcalá de Henares (UAH) levou a cabo un proxecto de documentación lingüística exhaustiva. 
 
 Desembocadura do río Miño entre A Guarda e Caminha

A Universidade de Alcalá de Henares (UAH) levou a cabo un proxecto de documentación lingüística exhaustiva da franxa fronteiriza entre España e Portugal co obxectivo de estudar as "particularidades" lingüísticas deste territorio co fin de preservar a información sobre o modo de vida destas comunidades. O proxecto foi dirixido polo investigador da universidade Xosé Alfonso Álvarez, que analizou 64 puntos de fronteira dun e outro lado.
O proxecto denomínase 'Fronteira hispano-portuguesa: documentación lingüística e bibliográfica (Frontespo)' e conta coa colaboración de investigadores de universidades como Lisboa, Estremadura e Complutense, así como do Centro Interdisciplinar de Documentação Lingüística e Social en Portugal.
No estudo reflíctese que tanto no lado de España como no de Portugal moitos trazos xenuínos son visibles aínda en forma de designacións léxicas, arcaísmos, toponimia ou modos de falar peculiares, por exemplo "trascuñar que significa quedar trasposto, medio durmido; ou talejar é comer, masticar; e a trastesón é de cando en vez".
O obxectivo do proxecto é levar a cabo unha documentación lingüística exhaustiva da franxa fronteiriza entre España e Portugal, e a pesar da fronteira, as localidades dun e outro lado están en estreita relación (comercio, contrabando, matrimonios mixtos, temporeros...), o que trae como consecuencia un "forte contacto social e cultural que tamén se reflicte na lingua".
Ademais, a globalización aínda non eliminou certas particularidades lingüísticas como a pervivencia de diferentes dialectos do portugués en territorio español, en poboacións como La Alamedilla (Salamanca), en Herrera de Alcántara (Cáceres) ou en diversas aldeas da ribeira do Guadiana (Huelva). En todas elas nunha situación moi precaria, ao bordo da desaparición. Maior vitalidade ten a 'fala', variedade galego-portuguesa falada nos municipios cacereños de San Martín de Trevejo, Eljas e Valverde del Fresno.

 

[Fonte: www.galiciaconfidencial.com]


Sem comentários:

Enviar um comentário