sábado, 1 de julho de 2017

O Concello da Coruña adapta as súas rúas á toponimia oficial

A placa de “avenida Arteixo” xa goza do seu nome oficial e correcto e seguiranlle algunhas máis


O Concello da Coruña puxo en marcha o cambio dos nomes das súas rúas que deturpan a toponimia galega para cumprir a Lei de normalización lingüística que, desde o ano 1983, establece “Os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”.
Hai xa dous anos, a Mesa pola Normalización Lingüística reuniuse co alcalde da Coruña para achegarlle algunhas propostas de medidas para avanzar na normalización do galego. Os representantes da Mesa pola Normalización Lingüística ofreceron toda a colaboración ao Concello da Coruña para construír entre todas e todos unha nova política lingüística, verdadeiramente favorábel ao galego, que se ocupe de normalizar o seu uso, repolo onde foi retirado, e de introducilo en todos os espazos de onde foi excluído. Unha desas propostas foi restaurar a respectar as formas lexítimas da toponimia e microtoponimia do concello, corrixindo as deturpacións reflectidas no rueiro ou nos propios buses urbanos.
As placas que poñían “avenida de Finisterre” ou “avenida de Arteijo” deixarán paso ao seu nome oficial. A pesar de que todos estes cambios xa foron aprobados hai dez anos, aínda non se fixeron efectivas estas modificacións.
O xoves 1 de xuño, fíxose un acto simbólico no que o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, descubriron a placa “avenida Arteixo”, unha das placas que devolven á localidade o seu nome real. Esta foi só a primeira, seguiranlle a de “avenida Fisterra” e “rúa Vila de Laxe”.

[Font: www.amesa.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário