Fernando Castro Paredes
O lanzador de coitelos
Galaxia, Vigo, 522 páxinas, 22,60 €, 2025
Escrito por Ramón Nicolás
Como ben se sabe, no ano 1975 Galaxia organizou un premio literario para celebrar os seus primeiros vinte e cinco anos de vida. Xoguetes pra un tempo prohibido, de Carlos Casares, foi a novela gañadora: unha proposta literaria arriscada e que se entendeu como un paso adiante na narrativa daquel tempo. Agora, cincuenta anos despois, e para celebrar o setenta e cinco aniversario da editorial viguesa, tras a organización dun concurso literario ad hoc, acaba de saír editado o título O lanzador de coitelos, de Fernando Castro Paredes (Tapia de Casariego, 1975).
Entre a devandita obra de Casares e esta de Castro Paredes trázase unha liña que as une: gañaren un premio que celebra a continuación dun selo editorial fundamental para entender a nosa cultura literaria máis recente. Aínda así, ambas as dúas comparten e locen un espírito común que aposta por modelos creativos inspirados na auto-esixencia, na solidez construtiva e estrutural e, abofé, na procura de excelencia no uso do rexistro literario.
Nunha recente presentación da novela no Hotel Compostela, onde se fundou a editorial en 1950, quixen tan só subliñar, en obrigada síntese, a existencia do que entendo como catro piares que talvez gobernen esta novela, sen desvelar o seu argumento. O primeiro pasaría pola revisión e recreación que nela se fai da memoria e, concretamente, dun dos acontecementos claves da historia europea do século XX como foi a Shoah ou o Holocausto; tamén cumpriría subliñar, desde o meu punto de vista, a reivindicación da palabra e da necesidade de escribir para explicar o mundo e para explicar as identidades, antagónicas ou duais en tantas ocasións, desde a perspectiva desde esa arte do fracaso tantas veces amentada nestas páxinas; en terceiro lugar, a novela exhibe unha visión ampla do xénero narrativo onde caben con naturalidade metaliteratura e certo acaroamento ao para-teatral; sen esquecer, por último, o magnetismo que proxecta unha prosa brillante, envolvente e que involucra ao receptor, dotada de profundidade e convicción naquilo que se conta e que erixe un máis que meritorio xogo de máscaras que nos permite mergullarnos na condición humana. Unha novela, pois, que cómpre non perder.
[Fonte: cadernodacritica.wordpress.com]

Sem comentários:
Enviar um comentário