Escrito por Ramón Nicolás
Iain Crichton (1928-1988), prolífico escritor en inglés e gaélico, escolleu para este Aprendede dos lirios un capítulo da historia das Terras Altas escocesas no que sitúa un argumento inspirado nun tráxico acontecemento que tivo lugar naquel territorio entre os anos 1792 e 1850 como foi a expropiación das terras, e das casas que habitaban, de moitos agricultores co obxectivo de que os terratenentes obtivesen un maior rendemento económico co pastoreo de ovellas. Deste xeito obrigaron a gran parte da poboación a que se trasladase á costa, aos Lowlands, para dedicarse a outros sectores primarios, como a pesca. Neste proceso, chamado en gaélico escocés Fuadach nan Gàidheal, destaca unha persoa responsable de ameazar e facer saber aos propietarios do inminente desaloxo das súas casas e terras como foi Patrick Sellar, administrador da duquesa de Sutherland, que figura nesta mesma proposta como personaxe de non ficción. Con todo, non é esta peza nin un documento histórico nin unha memoria ou crónica do acontecido: máis ben enténdoo como un texto que afonda nos límites e nas estremas da resistencia a través de quen se revela como a verdadeira protagonista: unha anciá solitaria chamada señora Scott que se nega rotunda e afoutamente a abandonar a súa casa e as súas propiedades, que son as dos seus devanceiros.
A anciá vai transformarse nun símbolo de resistencia que se fai operativo grazas á transmisión transparente das vivencias, mais tamén de experiencias, de recordos e do seu pensamento expresado de maneira sinxela que a revela como inmune ao desalento e sempre fiel ás súas conviccións e raíces.
Cun título de innegable filiación relixiosa, pois é manifesto o pouso que se transloce no título tirado dun fragmento do evanxeo de San Mateo que alude alegoricamente aos lirios do campo que crecen e non se fatigan nin fían; non se oculta unha interpretación ambigua e un tanto críptica que fai pensar na espiritualidade como algo prioritario e que todo o demais xa virá dado.
[ Fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário