Escrito por CARLOTA ÁLVAREZ
Aínda que ao pensar en pontes históricas entre Galicia e Portugal a memoria leve á existente a emblemática ponte de aceiro inaugurada no 1885 entre Valença e Tui, existiu unha unión máis antiga. Os concellos de Padrenda e Melgaço están unidos dende o s. XVIII, converténdose a ponte de San Gregório na máis antiga entre Portugal e Galicia.
Separados polo río Trancoso, cuxo curso é unha fronteira natural duns 13 quilómetros, os dous concellos estiveron unidos por unha ponte que demostraba a a fraternidade entre os dous países, como explican no libro O Minho pitoresco, datado de 1886: “Não se riam dela, contudo, que ali onde a veem, com os seus dois troncos de castanheiro, lançados de margem a margem, e os seus torrões como pavimento macio, é um símbolo de fraternidade entre dois países que vivem em plena paz”.
O primeiro rexistro que existe da construción de madeira é do 1758, na memoria parroquial da freguesía de Cristóval, como apunta o profesor Valter Alves nun artigo publicado no xornal Minho Dixital e que pon en relevancia a antiga ponte. Ademais, o licenciado en Enxeñaría Civil pola Universidade do Miño tamén salienta a importancia estratéxica que tivo o lugar durante a Guerra da Restauración (s. XVII), o que se comproba “pola frecuencia con que é utilizada polos portugueses e españois nas súas incursións en territorio inimigo”.
Con 4 metros de altura, 6 de largo e dous de ancho, a existencia da antiga ponte tamén deixou pegada na toponimia do lugar. Ponte das Várzeas ou Ponte Barxas son designacións que se atopaban aos dous lados do río Trancoso, e que a día de hoxe se conserva no lado galego, onde a localidade se segue a chamar Ponte Barxas.
Foi en abril do 1935 cando a ponte de madeira foi destruída para erguer outra ponte adaptada aos novos tempos, unha ponte que quedou na sombra ante a grandiosidade da existente entre Tui e Valença. Máis información en Rádio Vale do Minho.
[Fonte: www.historiadegalicia.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário