sábado, 23 de novembro de 2019

Os poetas con nome de pirata

A Real Academia Galega celebrou o 70.º aniversario da colección «Benito Soto», primeira en publicar versos en galego tras a guerra


Por X.F.
O pirata pontevedrés Benito Soto (1805-1830) inspirou a non poucos escritores, dende José María Castroviejo ata Xosé Miranda. O seu nome tamén está ligado para sempre á poesía galega, xa que Benito Soto foi o nome que recibiu unha colección, a primeira en publicar versos en galego tras a Guerra Civil. A Real Academia Galega (RAG) lembrou en Pontevedra este fito literario e editorial, nun acto conducido por Fina Casalderrey e que contou coas intervencións de Ana Acuña, Patricia Arias Chachero e Xesús Alonso Montero, ademais dun recital no que tomaron parte Xosé María Álvarez Cáccamo, Eva Mejuto, Xosé Luís Franco Grande, Miguel A. Cuña Casasbellas, Marilar Aleixandre, Carmela Silva, Joaquín Fabeiro Beiro, Antón Sobral, Xaime Toxo e Luís Ferreiro, coa actuación musical del Ánxeles Ruibal. Dáse a circunstancia de que algúns son familiares de autores cuxas poesías atoparon acubillo na colección: Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez ou Manuel Fabeiro.

Ademais, do mesmo prelo saíron obras fundamentais como Dona do corpo delgado, de Álvaro Cunqueiro; Triscos, de Luís Pimentel; Fabulario novo, de Manuel Cuña Novás, ou Anxo de terra, de Ricardo Carvalho Calero, ademais de versións galegas de poetas alemáns por Celso Emilio Ferreiro e Antonio Blanco Freijeiro: segundo Sabino Torres, outro dos impulsores da colección, o primeiro traducía do alemán e o segundo recreaba esa versión.

«A colección inaugura un tempo novo no panorama da edición e da poesía galegas despois da Guerra Civil», explica o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. «Un grupo de mozos entusiastas, dirixidos en parte por Celso Emilio Ferreiro, que actuaba como irmán maior de todos eles, inician unha experiencia que marcaría o discurso posterior da nosa poesía, con autores e títulos que, ollados coa perspectiva do tempo, resultan extraordinariamente significativos», engade. Freixanes tamén destaca o «factor de transgresión» que supón bautizarse co nome dun pirata nos primeiros e duros anos da posguerra. «Invito aos lectores a repasar os textos, que forman parte do mellor da nosa poesía contemporánea», conclúe.

[Fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário