domingo, 2 de junho de 2019

Astérix fala galego desde 1976

Astérix en Britania (1966) narra a viaxe da máis célebre parella de guerreiro galos á illa que hoxe é Gran Bretaña para axudar á rebelión contra os romanos. A aventura mesmo se converteu, dúas décadas despois, en filme de animación. E, á espera da Filla de Vercinxetórix, trátase do último Astérix publicado en galego, desta volta por Xerais e Salvat.


  Por DANIEL SALGADO

Mais a peripecia editorial en galego do personaxe creado por René Goscinny e Albert Uderzo vén de atrás. Concretamente de 1976. E resulta abondo axitada. Foi o escritor Eduardo Blanco Amor pioneiro no labor. “Fernando Arenas, da libraría Arenas da Coruña, viaxou á feira de Frankfurt e mercou os dereitos. Logo, falou con Blanco Amor, que era amigo seu”, relata Xavier Senín, tradutor dos álbums desde 2005 en colaboración con Valentín Arias, Isabel Soto ou Alejandro Tobar.astétrix en britania
Entre 1976 e 1978, o autor da Esmorga pasou ao galego Astérix o galo (1961), Astérix e a fouce de ouro (1961), Astérix e os Godos (1963), Astérix e Cleopatra (1965), O combate dos xefes (1966), Astérix e os normandos (1967) e Astérix lexionario (1967). Publicounos a editorial Arenas. “Son versións históricas”, di Senín, “cun galego que mestura a lingua da emigración e o que el lembraba da que se falaba en Ourense. Hai vulgarismos e hiperenxebrismos, pero fixo un traballo tremendo, admirábel”.
Astérix, Obélix, o bardo Asuracentúrix, o druída Panorámix, falaron, así, en galego, desde aquela un dos 110 idiomas en que se pode ler a banda deseñada de Goscinny e Uderzo. O labor de Blanco Amor e Arenas tivo continuadores. Logo dun hiato de década e media, Galaxia retomou a serie en 1992. Marisa Guerra Canizo encargouse para esa editorial de A cizaña (1970) e O combate dos xefes. Antonio Pichel, doutros 11 títulos, o último aparecido en 1998: Astérix na terra dos belgas (1979).
Transcorreron sete anos sen novos Astérix en galego. Pero en 2005, as mocidades da Mesa pola Normalización Lingüística dirixíronse á Secretaría Xeral de Política Lingüística e á editorial Salvat para se interesar pola cuestión. O BNG tamén preguntou no Parlamento. Aos tres anos, 2008, Astérix regresaba. Un volume conxunto con limiar agrupou O gran foxo (1979), A odisea de Astérix (1981) e O fillo de Astérix (1983). A tradución realizárona o propio Xavier Senín, Valentín Arias e Isabel Soto, e publicouna Bruño.
Nesa mesma editorial, e coas mesmas tradutoras, saíron en 2009 Como caeu Obélix na marmita do druída cando era cativo (1965) e O aniversario de Astérix e Obélix (2009), e en 2010 Astérix o Galo e Astérix e o fouciño de ouro. A partir de 2015, ocupouse Xerais: Astérix e os Godos e Astérix gladiador (1964) da man de Senín, Arias e Soto; A volta á Galia de Astérix (1965), Astérix e Cleopatra e O combate dos xefes -estas dúas últimas contan con tres versións galegas diferentes- por Senín e Soto. E para Britania, cuxo título evita “Bretaña” para non crear confusión, incorporouse Alejandro Tobar. Xerais continuará editando o corpus clásico da parella de galos agora xa por orde cronolóxica, conta Senín.
Astérix e os pictos (2013), O papiro do César (2015) e Astérix en Italia (2017) apareceron, tamén en Xerais, en tempo real. Porque nin a morte do guionista Goscinny en 1977 nin a retirada do debuxante Uderzo en 2013 puideron con Astérix. Jean-Yves Ferri e Didier Conrad son agora quen dan vida aos irredutíbeis galos.

[Fonte: www.sermosgaliza.gal]



Sem comentários:

Enviar um comentário