quarta-feira, 12 de dezembro de 2018

Unha homenaxe lembra a lingüista Sabela Labraña, ponte con Catalunya

Foi unha das activistas culturais “máis recoñecidas, queridas e admiradas da diáspora galega en Catalunya”. Incansábel defensora da lingua galega, lingüista especializada en fonética, Sabela Labraña morreu hai tres anos en Barcelona. Un grupo de amigas e profesoras organiza a vindeira quinta feira, 13 de decembro, unha homenaxe na súa memoria.


Será na libraría Chan da Pólvora, en Santiago de Compostela, ás oito e media do serán. Participarán as docentes e amigas achegadas a Labraña Rosario Álvarez -presidenta do Consello da Cultura Galega e membro da Academia-, Elisa Fernández Rei e Xosé Luís Regueira -igualmente con asento na Real Academia Galega. O pintor Alfredo Salom e a poeta e profesora María do Cebreiro tamén intervirán.
Sabela Labraña nacera en Cedeira en 1950. Os organizadores do encontro lembran que sempre “entendeu a lingua galega como un ben comunitario que debía ser espallado alí onde houbese persoas interesadas”. “As súas clases na Universitat de Barcelona”, engaden, “así como o seu traballo no proxecto Galauda [dedicado ao ensino do galego na ensinanza secundaria de Catalunya], contribuíron a estabelecer unha ponte entre as culturas catalá e galega”. 
“Sabela Labraña será lembrada non só polo seu intenso exercicio docente e investigador, senón pola curiosidade intelectual e pola amplitude dos seus intereses artísticos”, sinalan os promotores da homenaxe do vindeiro 13 de decembro.


[Imaxe: Galipedia - fonte: www.sermosgaliza.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário