quinta-feira, 29 de agosto de 2024

Reloxos de sol

Detalle do reloxo de sol dá casa dá Xouba, en Noia.

 Escrito por Bieito Romero

Dado o meu interese pola etnografía, procuro sempre fotografar todo aquilo que me chama a atención ou considero de interese. Coa cámara do móbil e por rapidez, saco fotografías a esgalla de muros, casas, hórreos, cruces, cruceiros, balcóns, portas, fiestras ou lápidas. Seguidamente cribo todo ese material, fago unha escolla do que me parece máis interesante e volvo a fotografalo, mais desta volta xa cunha boa cámara primando que a calidade das fotos sexa superior.

Estes días andei a revisar o gran arquivo de imaxes que gardo e, entre todas elas, reparei na cantidade de reloxos de sol que levo recollidos por toda Galicia. A verdade é que estes instrumentos de medición asociados directamente ao sol e á rotación da terra sempre me chamaron a atención pero nunca me puxen a pensar un pouco máis fondamente sobre as súas orixes e a súa función de medir o tempo.

Non está claro quenes foron os inventores destes medidores de tempo pero si que está perfectamente constatado que se usan dende tempos ben remotos e que o seu emprego está estendido por todo o planeta en diferentes formas e variantes, mais coa mesma finalidade. Quizais de todos eles os máis antigos foron os usados por exipcios, babilonios e sumerios, xa que a necesidade de entender os ciclos temporais era importante e necesaria en relación coa mellora das colleitas.

Sen afondar no que foi a historia e a evolución destes artiluxios penso que si é importante destacar a relevancia de termos tanto patrimonio destas características na nosa terra. Algunhas estimacións din que hai máis de dous mil reloxos de sol repartidos polas catro provincias galegas, destacando particularmente en número a de Pontevedra. Podémolos ver en casas, hórreos, igrexas, alpendres, etcétera, e o seu uso foi de gran utilidade para os nosos devanceiros xa que grazas a eles tiñan unha medición máis ou menos entendible do paso do tempo. Sen dúbida, trátase de testemuñas históricas que dan a entender a importancia do transcurso e a medición temporal.

Referido ao tema e como anécdota final, foi ao recoñecido físico alemán Albert Einstein a quen se lle atribúe unha definición que di que «O tempo é o que mide o reloxo».

 

[Imaxe: Marcos Creo - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário