sexta-feira, 3 de junho de 2022

As entidades polas linguas do Estado denuncian que coa nova Lei do Audiovisual “perdeuse unha oportunidade cara á igualdade”

 

Representantes das principais entidades que traballan a prol das linguas minorizadas galega (A MESA), vasca (Euskalgintzaren Kontseilua), catalá (Plataforma per la Llengua, Ómnium, ACPV, Escola Valenciana e FOLC) e asturiana (Iniciativa Pol Asturianu) concentráronse esta mañá diante do Congreso dos Diputados antes do inicio do debate da Lei xeral audiovisual, porque “a norma que se pretende aprobar non vai dar máis que pequenos pasos que non garanten a igualdade lingüística”.

Unha vez comezada a concentración, tomaron a palabra representantes de diferentes entidades: Marcos Maceira (A MESA), Paul Bilbao (Kontseilua), Francesc Marco (Plataforma), Elena Jiménez (Òmnium), Daniel Condeminas (FOLC) e Iván Llera (Iniciativa Pol Asturianu).

En primeiro lugar denunciaron que se trata dunha lei que non responde á realidade lingüística existente no Estado: «Debemos ter en conta que esta lei é unha transposición da directiva da Unión Europea precisamente para dar cabida á produción europea. Deste xeito, fuxiuse da realidade lingüística europea, dando unha presenza indigna ás linguas propias do Estado. Coidamos sinceramente que se perdeu unha oportunidade para a igualdade e que a lei invisibilizará as nosas linguas nas pantallas. É máis, perpetuarase a vulneración de dereitos” afirmaron.

Así, os representantes das entidades fixeron referencia ao proceso de elaboración da lei: «Os axentes sociais a favor das linguas mantivemos unha actitude proactiva, facendo achegas concretas nos anteproxectos, trasladando aos partidos as nosas propostas, activando á cidadanía para demostrar a existencia unha demanda social. Malia isto, fixéronse ouvidos xordos ás nosas peticións, polo que se pode dicir que a demanda cidadá no foi tida en conta en absoluto na lei».

Ademais, lembraron varios elementos recollidos na declaración consensuada xunto con outros axentes (CIEMEN, TIRANT e OCB do catalán, e NOGARÁ do aragonés): “Se ben a presión política e social exercida polas entidades foi determinante para incluír mínimos para todas as linguas tanto nas cotas de catálogo das plataformas e retransmisións de TVE, como no financiamento antecipado, as mudanzas introducidas son claramente insuficientes e testemuñais ao representaren entre o 0,35% e o 2,55% do conxunto”. Quer dicir, “as cotas que se estabelecerán co suposto obxectivo de garantir a pluralidade lingüística son testemuñais”.

E é que, tal e como afirmaron as entidades, a lexislación xeral audiovisual só estabeleceu porcentaxes obrigatorias de contidos mínimos e financiamento para o español, sen ningunha indicación nen recoñecemento para outras linguas existentes no Estado español fóra da retórica baleira. Isto impede que as crianzas, mocidade y o público en xeral poidan gozar na súa lingua da ampla oferta dispoñíbel de programas de televisión, series e filmes. “ Por desgraza, a nova lei non supón mudanzas significativas neste senso”, afirmaron.

Para finalizar, os axentes a favor das linguas minorizadas quixeron reiterar o seu compromiso de seguir traballando: «É certo que nesta ocasión non se cumpriron os obxectivos previstos e que aprobarán unha lei que invisibiliza a presenza das nosas linguas. Porén, continuaremos a traballar para crear as condicións adecuadas para vivirmos nas nosas linguas e gañaren  espazos, entre eles as pantallas”, subliñaron.

 

 

[Fonte: www.amesa.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário