quinta-feira, 24 de fevereiro de 2022

A RAG seguirá reclamando que o galego sexa oficial en Asturias

Evita entrar en enfrontamentos con Barbón, molesto coa intromisión

Escrito por M. VIÑAS

«Yo invito a la Real Academia Galega, con mucho cariño, a que decida sobre los asuntos de Galicia. Que generalmente nosotros no tenemos la tendencia a entrometernos en su regulación lingüística». Así de concluínte se mostrou esta fin de semana o presidente asturiano, Adrián Barbón, cando se lle preguntou sobre a reivindicación da RAG, que a primeiros de xaneiro reclamou que o galego fose lingua oficial en Asturias. Non foi esta a primeira vez que o xefe do Executivo do Principado se posicionaba ao respecto, molesto coa intromisión da institución galega. Tras recibir a súa proposta, deixou claro que non toleraría que dende ningún outro territorio lles dixesen o que tiñan que recoller no seu propio Estatuto. Na Academia mostráronse entón firmes no seu compromiso de «defender a lingua alí onde haxa falantes, moitos ou poucos».

Agora prefiren calar e non entrar en polémicas. Entenden que xa está todo razoado no informe que presentar on.  A intención da RAG é que no desenvolvemento da reforma do Estatuto do Principado se incorpore a oficialidade do galego nos mesmos termos que o asturiano. Esixe un trato igual para as dúas linguas, os mesmos dereitos para os que usan o asturiano e para os que falan o galego que sobreviviu nas terras fronteirizas, reprendendo que se promova a denominación «eo-naviego» para referirse á fala destas comarcas limítrofes.

O documento detense a recordar que as fronteiras políticas adoitan non coincidir coas fronteiras lingüísticas, e que, neses casos, o feito de que a variedade lingüística en cuestión teña un glotónimo que corresponde á lingua doutra comunidade (coma neste caso galego) non é motivo de ningún conflito nin de rexeitamento. De aí a súa proposta de que o galego, na variedade eonaviega, sexa oficial en todo o territorio do Principado.

Salvagarda do patrimonio

«Non é función da Real Academia Galega intervir en cuestións de tipo político, que son da competencia dos gobernos das respectivas comunidades —admite a institución lingüística no seu informe—, pero si é función dela lembrarlles que unha lingua é un patrimonio cultural merecente de ser salvagardado e que sería máis positivo para esa salvagarda unha política de cooperación e non unha política de confrontación».

En Asturias, as reaccións de rexeitamento foron unánimes. Tanto a Academia de la Llingua Asturiana como colectivos de defensa da fala tacharon de inxerencia política inadmisíbel e inoportuna neste momento a postura da RAG que, insisten, non ten competencia algunha no territorio astur.

 

[Fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário