Un artigo de CARLOS G. REIGOSA
É sabido que o escritor colombiano Gabriel García Márquez («Gabo») e o presidente cubano Fidel Castro manteron unha relación de amizade tan auténtica e profunda que nin sequera se interrompeu cando esta correspondencia e reciprocidade prexudicaba claramente a imaxe internacional do Nobel colombiano. Mais, non houbo concesións. Algo mantiña en pé aquela relación, sen fraquezas nin debilidades.
En outubro de 1991, nunha comida de directivos da axencia Efe con Gabriel García Márquez, tiven a ocasión de preguntarlle por todo isto. Pero Gabo esquivoume polo lado máis literario. «O que pasa -dixo- é que EE.UU. non entenden a Fidel. Non se decatan de que, canto máis lle apertan, máis reacciona coma o galego que é, e refórzano nas súas posicións. Este é o problema». Sorprendido, pregunteille que quería dicir con iso de «galego» (Fidel era fillo de galego emigrado a Cuba), que atributos lle asinaba a esa «denominación de orixe». Gabo non o dubidou: «Teimosía. É un ‘en min non manda ninguén'. O galego é capaz dunha obstinación ilimitada. É o que non entende EE.UU.».
A partir de aí, e despois de descubrir que García Márquez estivera en Galicia dun xeito privado dúas ou tres veces (a primeira en 1983, propiciada por Felipe González) o escritor afirmara que a súa avoa Tranquilina Iguarán Cotes era galega, descendente duns emigrantes que chegaran a Colombia atravesando Venezuela.
Foi así como entendín onde estaba a clave da súa nunca interrompida relación con Fidel. Porque era a relación de dous galegos testaláns que non daban o brazo a torcer. Esa era a explicación que o colombiano quería dar, pero sen banalizala. Porque non era un chiste nin unha graza. Era o seu firme convencemento.
Anos despois, a Xunta de Galicia encargoume (por boca e propósito de Fernando Salgado) un libriño sobre a relación de Gabo con Galicia. Foi daquela cando escribín A Galicia máxica de García Márquez (2008). Catro anos despois sóubose que García Márquez padecía demencia senil e que tiña «unha ollada chea de nostalxia» (Carme Balcells dixit). Xa non coñecía a ninguén. Finou en México en 2014, aos 87 anos. Fidel morreu na Habana dous anos despois, aos 90. ¡Dous galegos teimudos, de cerna!
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário