quarta-feira, 11 de setembro de 2019

Millo

Por BIEITO ROMERO

Dando unha volta por Galicia non fai falta ser un grande observador para darse conta axiña de que tipo de cultivos son os predominantes nestes tempos. Grandes e pequenas plantacións recorrentes que modifican substancialmente a paisaxe e que poden chegar ata a parecer que levan con nós dende tempo inmemorial.

Pola observación podería falar de moitas especies, pero entre todas quedo co millo, que sen dúbida ten un protagonismo especial en Galicia pola importancia na nosa alimentación e sobre todo na do gando, e tamén pola extensión do seu cultivo, que podemos ver nestas alturas do verán en practicamente todo o territorio galego.

No Perú, Guatemala ou México teñen unha chea de variedades autóctonas de diferentes cores que empregan acotío na alimentación, e que constitúen unha base importante da cultura destes pobos. A Europa foi traído por Colón tralo descubrimento de América, e dise que as primeiras referencias do seu cultivo en Galicia están datadas no século XVII, en concreto nas Rías Baixas. Ata ese intre, os nosos hórreos enchíanse doutro tipo de grans, sobre todo do que veu substituír este novo traído das Américas, que era o chamado millo miúdo ou paínzo. Aquí temos tamén unha chea de variedades autóctonas, aínda que hoxe en día son as menos presentes.

Lembro de pequeno todo o proceso do millo na aldea, dende a súa sementeira entre finais de marzo e comezos de maio ata a súa colleita a finais do verán e comezos do outono. Todo un ritual do que apenas se desperdicia nada e que xa forma parte dun xeito de vida dos nosos lugares.

Unha vez recolleito, as mazarocas van para os hórreos, onde o millo seca durante un período de tempo para despois ser empregado de moi diferentes maneiras. Lembro das muiñadas para facer a fariña, das encaldadas para os animais, das saborosas papas de millo que facía miña avoa aderezadas con leite mazado e daquelas bicas -bolos de millo cocidos no caldo- que sabían mesmamente a gloria, e tamén de como os carozos eran empregados para prender o lume das lareiras e as cociñas.

[Fonte: www.lavozdegalicia.es ]

Sem comentários:

Enviar um comentário